Inicio Galicia Galicia, primeira comunidade en poñer en marcha o Plan estratéxico da Hepatite...

Galicia, primeira comunidade en poñer en marcha o Plan estratéxico da Hepatite C, leva tratados máis de 7.800 pacientes cos novos antivirais

0

Dende que en xuño do ano 2017 estendéranse o acceso a esta medicación a todos os pacientes, independentemente do seu grao de fibrose, iniciáronse 2.227 tratamentos novos


A Consellería de Sanidade leva tratados a 7.841 pacientes de hepatite C cos novos antivirais, dende que comezaran a comercializarse no ano 2012. Dende ese momento e ata 2015, o Sergas tiña iniciado 1.137 tratamentos. Sen embargo, ese número multiplicouse por sete coa posta en marcha, en abril do 2015, do Plan estratéxico para a abordaxe da Hepatite C no Sistema Nacional de Salud (SNS), ata chegar á cifra actual.

O número de pacientes tratados cos novos antivirais dende que se implantou o Plan estratéxico (abril 2015) ata o 30 de novembro 2018 é de 6.704. Deles, un 67,10% son homes e un 15,6% presentan co-infección de VIH. A idade media dos pacientes tratados é de 57 anos.

Galicia foi a primeira comunidade autónoma en aplicar o Plan Estratéxico. A Consellería de Sanidade vai parella ao Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad en canto poñer en práctica as distintas liñas estratéxicas do Plan: prevención, educación sanitaria, tratamento, seguimento e investigación. Dende o Sergas, asumíronse de xeito inmediato calquera das actualizacións ou novidades implementadas no Plan. Proba disto é que o Sergas implantou o tratamento da hepatite crónica polo VHC en todos os seus pacientes, o día seguinte da súa aprobación por parte do Consejo interterritorial del Sistema Nacional de Salud, o 21 de xuño de 2017.

Como consecuencia da citada aprobación, os casos de menor gravidade, os chamados graos F0 e F1, accederon tamén a esta medicación segundo indicación médica. Dende a entrada en vigor da extensión do tratamento iniciáronse 2.227 tratamentos, dos cales 1.455 foron para pacientes con grao de fibrose F0 e F1, máis dun 65%.Á vista dos resultados rexistrados na poboación galega, a efectividade dos antivirais de acción directa é do 95,32%. Esta cifra aumenta ata o 97,22% se temos en conta só aos pacientes que remataron o tratamento.É importante subliñar que os avances rexistrados recentemente permiten que os pacientes que fracasan o tratamento dispoñan de novas alternativas para poder instaurar un segundo tratamento, e se este fracasa novamente, un terceiro. De xeito, nesta comunidade xa foron tratados 145 pacientes nunha segunda liña de tratamento e 11 en terceira liña.

Plan estratéxico para a abordaxe da Hepatite C no Sistema Nacional de SaúdeDebido aos avances nos últimos anos e a rápida incorporación de novidades terapéuticas e de novos antivirais de acción directa incluídos no financiamento do SNS, foi necesario contar cun Plan para abordar a Hepatite C de forma homoxénea entre todas as comunidades. Con este obxectivo naceu o Plan Estratéxico para a abordaxe da Hepatite C no SNS. O Sergas participa no Comité Institucional no que se analizan e propoñen as liñas de acción comúns a desenvolver nas distintas Comunidades Autónomas en relación co despregue de todas as estratexias recollidas no plan nacional.

O plan ten como obxectivo diminuír a morbi/mortalidade causada polo virus da hepatite C (VHC) abordando eficientemente a prevención, o diagnóstico, o tratamento e o seguimento dos pacientes. Inicialmente o plan estaba previsto para tres anos, pero foi prorrogado ata 2020.

A infección polo virus VHC é unha das principais causas de hepatoloxía crónica en todo o mundo. As repercusións que ten a infección polo VHC a longo prazo son moi variables, e van dende alteracións mínimas ata a fibrose extensa do fígado e a cirrose con ou sen carcinoma hepatocelular.  


- Te recomendamos -