Inicio Galicia Galicia pon en valor a súa experiencia no control de biotoxinas mariñas...

Galicia pon en valor a súa experiencia no control de biotoxinas mariñas no marco do proxecto europeo Alertox-Net

0

O Intecmar envía arredor de 20.000 notificacións ao mes de cambios nas zonas de produción de moluscos bivalvos a todos os axentes implicados, atendendo á situación microbiolóxica e de biotoxinas maioritariamente

A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, puxo de relevo hoxe en Bilbao, a experiencia e o labor deste centro dependente da Consellería do Mar no control de biototoxinas mariñas. Fíxoo no marco do obradoiro Toxinas mariñas: sistemas innovadores de alerta e eliminación en produtos pesqueiros, organizado polo Centro Tecnolóxico AZTI no marco do proxecto Alertox-Net, do que tanto Intecmar como AZTI son socios e que está liderado polo grupo de investigación Farmatox da Facultade Facultade de Ciencias Veterinarias da Universidade de Santiago de Compostela, do Campus de Lugo. Esta iniciativa ten como obxectivo a creación dun sistema de alerta centrado na detección de toxinas mariñas emerxentes e que se poida implementar na cadea de valor alimentaria, de xeito que aumente a seguridade do consumidor. Tamén busca establecer un posible indicador dos riscos relacionados co cambio climático.

Neste sentido, a directora do Intecmar, que encabezou a delegación do centro que participou neste obradoiro, explicou as características do sistema de control de toxicidade de moluscos que desenvolve en Galicia. Puxo de relevo que este sistema abarca unha cadea de transmisión de información ao sector, ás administracións públicas e ao público en xeral tan pronto como se producen peches ou aperturas de zonas. Esta transmisión da información realízase, expuxo, por diferentes vías, entre elas, a emisión de arredor de 20.000 correos electrónicos ao mes con informes de cambios nas zonas de produción de moluscos e a páxina web do Intecmar, que rexistra máis de un millón de consultas por mes.

A directora do Intecmar tamén explicou o labor de Galicia no eido da trazabilidade dos moluscos bivalvos, o que lle permite ao Intecmar identificar a súa historia desde a súa captura. Neste sentido, expuxo que o documento de rexistro que acompaña a cada lote é o documento esencial de trazabilidade.

Este sistema de control, subliñou Covadonga Salgado, é exemplo a nivel internacional. De feito, o Intecmar recibe todos os anos arredor dunha vintena de visitas de delegacións de diferentes nacionalidades.

Proxecto Alertox-NetDurante a súa estancia en Bilbao, Covadonga Salgado, tamén participou onte na terceira reunión do proxecto Alertox-net na que os socios do proxecto debateron sobre o desenvolvemento das tarefas que abarca o proxecto e sobre as accións futuras a realizar. O proxecto Alertox-Net conta con tres millóns de euros de financiamento europeo a través do mecanismo de financiamento Interreg Atlantic Area e terá unha duración de tres anos.

O seu consorcio internacional está liderado polo grupo de investigación Farmatox da Facultade Facultade de Ciencias Veterinarias da Universidade de Santiago de Compostela, do Campus de Lugo. Del, ademais do Intecmar, forman parte o Instituto Mariño de Galway, a Universidade Nacional de Irlanda, en Galway; a Universidade de Queens, de Belfast; o CEFAS, do Reino Unido; o Centro de Enerxía Atómica de París, o Ifremer, de Nantes; o CIIMAR, da Universidade de Porto, a Fundación AZTI, de Bilbao e do Consello Regulador do Mexillón de Galicia.


- Te recomendamos -