A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro que ratifican que Galicia continúa polo bo camiño na creación de emprego
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, salientou que Galicia continúa polo bo camiño na creación de emprego tras coñecer hoxe os datos de paro, que xunto aos rexistrados hai uns días na Enquisa de Poboación Activa (EPA), confirman a recuperación do mercado de traballo.
A Comunidade galega pechou outubro con menos desemprego, máis afiliacións á Seguridade Social e máis contratación indefinida e a tempo completo na evolución anual.
Así, Galicia conta con 16.159 parados menos, o que supón unha baixada do 8,69% e o que sitúa á Comunidade en niveis de desemprego de hai unha década. A caída do paro supera en máis de dous puntos e medio a baixada rexistrada en España (-6,12%) e en máis de dous puntos o descenso acadado na Comunidade galega en outubro de 2017. Ademais, xa son 5 anos de baixadas consecutivas do paro na evolución anual, desde novembro de 2013.
As afiliacións á Seguridade Social continúan superando a barreira do millón (1.013.198 afiliacións) por quinto mes consecutivo (desde xuño). Con respecto a hai un ano, crecen nun 2,35% (+23.294 afiliacións), o que supón a maior subida desde 2007.
Con respecto ás contratacións, en xeral medran nun 9,08% aumentando a indefinida nun 26,34% e a tempo completo nun 11,78%. A indefinida, ademais, crece a maior ritmo que en España (+19,64%), o que supón 6,7 puntos máis.
O paro tamén baixa entre os colectivos que teñen máis dificultades para atopar un traballo como son os menores de 30 anos (-9,99%); parados de longa duración (-9,45%); e mulleres (-7,15%). Hai tamén menos número de parados nas catro provincias galegas e en todos os sectores de actividade liderando o descenso a construción (-18,95%), seguido da industria (-11,80%); da agricultura e a pesca (-9,36%); e os servizos (-6,77%). Con respecto ao dato provincial, lidera a caída do paro Pontevedra (-10,21%), seguida de Lugo (-9,11%), da Coruña (-8,76%) e de Ourense (-2,49%).
Evolución mensualCon respecto á evolución mensual, a secretaria xeral de Emprego indicou que o incremento é o segundo menor de toda a serie histórica e é inferior á media rexistrada desde o inicio da crise, lembrando que o paro sempre medra en Galicia nos meses de outubro e que é unha subida asociada á caída do emprego estacional do verán, alongado polo bo tempo. Pese ao incremento do paro, a contratación indefinida medrou nun 1,56% e a tempo completo nun 3,01%.
Toca sinalou que o Goberno galego segue traballando para cumprir cos obxectivos da Axenda 20 cun Orzamento para 2019 centrado no emprego e a formación cun incremento do 7% nas partidas económicas destes eidos ata chegar aos 255,5 millóns de euros. O reto, en palabras da secretaria xeral, é seguir creando máis e mellores postos de traballo dando resposta, a través dunha formación dual e flexible, ao emprego que vén.
Así, en 2019 impulsaranse programas pioneiros que xa se puxeron en marcha e que están dando bos resultados como as Unidades Formativas na Empresa, ao tempo que se activarán novos plans para dar unha segunda oportunidade aos mozos sen cualificación para o que se investirán 9 millóns de euros para beneficiar a 1.000 novos ao ano.
Asegurou tamén que se continuará prestando maior atención aos colectivos que máis o precisan como son as mulleres, os parados de longa duración e as persoas en risco de exclusión para os que se destinarán 40 millóns de euros.
A responsable de Emprego afirmou, por último, que o Goberno galego está centrado en mellorar a calidade de vida dos galegos e galegas e, por iso, sinalou que é preciso continuar creando máis emprego estable a través da mellora da competitividade do tecido empresarial.
- Te recomendamos -