Durante a estadía, que remata o domingo, os correspondentes xuvenís destas CCAA están a expoñer as súas experiencias e boas prácticas adquiridas ao longo do curso durante a súa participación neste programa
Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e de 26 mozos e mozas, está a participar no Encontro nacional de correspondentes xuvenís 2018, que se desenvolve desde hoxe e ata o domingo no Mar Menor e que está organizado pola Comunidade de Murcia.
Ademais de Galicia, tamén están a participar comunidades como Andalucía, Canarias, Castela e León, Castela A Mancha, Madrid, Murcia, Navarra e Valencia.
Durante a estadía, os correspondentes xuvenís destas CCAA están a expoñer as súas experiencias e boas prácticas adquiridas ao longo do curso durante a súa participación neste programa. No caso dos participantes galegos, estes son estudantes do ciclo formativo de animación sociocultural e turística dos centros educativos de Portovello (Ourense), Rosalía de Castro (Santiago) e do IES de Baiona (Pontevedra).
O encontro ten tamén unha parte lúdica na que terán a oportunidade de practicar deportes náuticos e asistir ao festival Animal sound 2018.
O programa Correspondentes Xuvenís 3.0 conta con 618 participantes no presente curso escolar no conxunto de Galicia, ao redor de un centenar máis que na edición anterior. Son mozos e mozas que estudan segundo ciclo de secundaria, bacharelato ou ciclos medios e superiores de formación profesional. Galicia conta tamén con un programa de correspondentes universitarios nas tres universidades galegas.
O programa Correspondentes Xuvenís facilita a participación da mocidade e constitúe unha aposta da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado pola educación non formal, xa que estes mozos e mozas adquiren competencias relacionadas co liderado, así como con habilidades comunicativas e sociais; ao tempo que fomentan valores positivos como a solidariedade e o voluntariado”.
Os correspondentes xuvenís reciben información de xeito periódico desde o Centro coordinador de información xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, así como dos Espazos Xove da súa zona, sobre aqueles temas que poden ser de interese para os mozos e mozas como os propios programados pola Dirección Xeral, bolsas de axuda, ofertas de emprego, enderezos e recursos de interese, aloxamentos xuvenís ou ocio e tempo libre. Unha vez recollida a información, os correspondentes a difunden entre os seus compañeiros a través de diferentes medios como taboleiros no propio centro educativo, blogs ou redes sociais.
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado recoñece o tempo que estes mozos e mozas dedican a esta actividade de correspondentes xuvenís mediante un certificado acreditativo da sua labor de voluntariado, ao remate do curso escolar. Ademais, os participantes neste programa reciben de maneira gratuíta o Carné Xove, así como aqueles outros carnés destinados á mocidade.
- Te recomendamos -