A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro rexistrado que confirman o proceso de estabilización do emprego en Galicia
Galicia lidera a caída do paro en España ao pechar o mes de setembro con 17.737 parados menos, un descenso do 9,64%, o que supón unha caída do case o dobre que a rexistrada en setembro de 2017 con respecto ao mesmo período de 2016. A baixada do 9,64% é tres puntos e medio superior á media do Estado que se situou nun -6,09%. Trátase, ademais, do terceiro maior descenso nun mes de setembro de toda a serie histórica, desde 1996. A Comunidade galega, así mesmo, encadea case 5 anos de baixadas consecutivas do paro, desde novembro de 2013, situándose a niveis de hai 9 anos.
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro rexistrado que, segundo afirmou, confirman un proceso de estabilización do emprego en Galicia, xa que as afiliacións continúan medrando e aumenta a contratación indefinida e a tempo completo fronte á baixada experimentada na contratación temporal e a tempo parcial.
Con respecto ás cotizacións, Toca sinalou que Galicia supera o millón de afiliados á Seguridade Social por cuarto mes consecutivo. Aumentan nun 2,18%, o que supón 21.628 cotizacións máis, a maior subida desde 2007. Toca fixo fincapé en que Galicia leva 11 meses rexistrando unha subida nas afiliacións que se sitúa por encima das 20.000. Tamén resaltou que a Comunidade galega suma máis de 4 anos de incrementos consecutivos.
En canto ao número de contratos, os indefinidos na evolución anual medran un 26,98%, 2.103 contratos máis, fronte ao descenso da contratación temporal nun -1,87%. A tempo completo aumenta nun 3,20%, con 1.860 contratos máis, mentres que a tempo parcial descende nun 2,70%.
Na comparativa con España, a secretaria xeral de Emprego indicou que o ritmo de subida da contratación indefinida é superior en Galicia que en España, en máis de 6,1 puntos. Apuntou, ademais, que os contratos en xeral aumentan en Galicia, mentres baixan en España.
Toca sinalou, así mesmo, que o desemprego baixa en todos os colectivos con máis dificultades para atopar un traballo. Nos menores de 30 anos baixa nun -11,07%; nos parados de longa duración nun -9,06%; e nas mulleres nun -7,64%. O paro tamén cae nas catro provincias galegas, nas 7 grandes cidades e en todos os sectores de actividade, liderando o descenso a construción (-19,82%), seguido da agricultura e da pesca (-18,32%), da industria (-11,80%) e dos servizos (-7,52%).
Con respecto ás catro provincias, lidera a caída do desemprego a de Pontevedra (-12,21%), seguida de Ourense (-8,55%); A Coruña (-7,86%); e Lugo (-7,55%).
Evolución mensualA secretaria xeral de Emprego tamén valorou a subida do paro na evolución mensual nun 1,15%, destacando que este aumento do paro é inferior á media rexistrada nos meses de setembro dos últimos 10 anos. Indicou que na evolución mensual a contratación indefinida tamén medra fronte ao descenso da temporal, como tamén ocorre na evolución anual, o que, en palabras de Toca, reafirma a consolidación dun emprego estable e de calidade. O paro baixa en todos os sectores excepto no sector servizos, o que confirma que a subida do paro en setembro está asociada á caída do emprego estacional.
A secretaria xeral de Emprego, en resumo, afirmou que o compromiso do Goberno galego pola creación de emprego de calidade é firme, sinalando que os datos están a avaliar o traballo e esforzo por incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas e por que esas oportunidades sexan cada vez mellores. Apuntou que o empeño do Goberno galego, unido ao seu rigor e á estabilidade están contribuíndo á mellora da economía galega. Sinalou que Galicia vai “na boa dirección” con máis de 41.000 afiliados nos dous último anos, ao tempo que afirmou que a Comunidade galega está a aproximar a taxa de paro ao 10%.
Para rematar, fixo fincapé en que a coherencia do equipo de Goberno galego seguirá trasladándose ás políticas activas de emprego para desenvolver programas que contribúan a impulsar a formación, apostando pola formación dual, que combina unha cualificación de calidade e un compromiso de contratación por parte das empresas.
- Te recomendamos -