Inicio Galicia Galicia intensifica os seus contactos co mercado chinés coa súa participación no...

Galicia intensifica os seus contactos co mercado chinés coa súa participación no II Foro de Turismo España-China en Shanghai

0

A Comunidade participou esta semana nun dos eventos de turismo máis importantes entre ambos países xunto a máis de corenta empresas e institucións españolas


A Comunidade galega vén de intensificar os seus contactos co mercado chinés coa súa participación no II Foro de Turismo España-China (FOTEC), o evento de turismo máis importante entre ambos países que se celebrou esta semana en Shanghai con máis de corenta empresas e institucións españolas.

A participación de Galicia neste encontro incluíu numerosas reunións bilaterais con varias das mellores empresas chinesas do sector. Os encontros permitiron incrementar a visibilidade de Galicia ante turoperadores e viaxeiros deste país, un mercado identificado como estratéxico no modelo turístico galego polo seu elevado interese cultural, a súa tendencia a buscar experiencias novidosas, así como por contribuír a desestacionalizar a demanda, ao tender a viaxar habitualmente en meses fóra de tempada alta, entre outubro e febreiro coincidindo co Ano Novo chinés.

O departamento de Turismo da Xunta difundiu entre os empresarios turísticos chineses a oferta relacionada coa natureza, a cultura, os destinos urbanos e a enogastronomía, así como o Camiño de Santiago que está a medrar a un ritmo dun 2% no caso dos peregrinos chineses. A viaxe a Shanghai coincide coa celebración do Ano do Turismo entre China e a Unión Europea e dá continuidade ao traballo emprendido polo Goberno galego nos últimos anos para intensificar o labor de promoción neste país asiático.

A viaxe institucional do ano pasado posibilitou o establecemento de contactos con representantes da Administración de Turismo de China (CNTA) e da súa principal axencia de viaxes online, o xigante Ctrip, que posteriormente realizou unha acción promocional en internet. Amais, Galicia continúa reforzando a súa presenza no país coa participación en feiras e encontros profesionais. Tamén se realizan diferentes viaxes de familiarización en Galicia con operadores e xornalistas chineses.

Interese en aumentoA Estratexia de turismo de Galicia 2020 ten entre os seus obxectivos a internacionalización da Comunidade como destino, eido no que a evolución dos últimos anos está a ser moi salientable. Neste eido, a folla de ruta do turismo galego sitúa este mercado asiático como un dos máis salientables para os vindeiros anos. Segundo datos da Asociación de Turismo España China (ATEC) -entidade organizadora do evento de Shanghai- o interese do turista chinés por España vai en aumento. Considerado como o país líder de turismo emisor do mundo, para 2020 prevense entre 150 e 200 millóns de turistas chineses no mundo. 


- Te recomendamos -