Inicio Galicia Galicia inicia a segunda fase do traballo de campo para avanzar no...

Galicia inicia a segunda fase do traballo de campo para avanzar no deseño do seu novo Plan estratéxico de turismo rural

0

Turismo de Galicia celebra desde hoxe 14 mesas de traballo tras ter rematado con éxito unha primeira rolda de reunións con máis de 200 participantes do sector


A Xunta de Galicia iniciou hoxe na cidade da Coruña a segunda fase do traballo de campo que servirá de base para o deseño e elaboración do Plan Estratéxico do Turismo Rural, no que está a traballar Turismo de Galicia coa intención de fixar as liñas futuras deste mercado en alza. Tras rematar con éxito a primeira rolda de reunións con máis de 200 participantes do sector, as novas mesas de traballo continúan agora no xeodestino Rías Altas e estenderanse ao longo deste mes polo resto de xeodestinos das catro provincias galegas.

Nos encontros estarán representados axentes ligados ao turismo rural, que testarán a situación actual do sector e fixarán os retos cos representantes das administracións. Contarase coa participación de responsables de establecementos de aloxamento, asociacións de turismo rural, asociacións de actividades complementarias e do Camiño de Santiago, xestores de distintivos de calidade turística, organismos dinamizadores do turismo -Xunta, deputacións, concellos, GDR, GALP, xeodestinos- ou expertos universitarios.

Tamén participarán guías oficiais, representantes de axencias de viaxes, profesionais da enogastronomía -consellos reguladores das Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas, Rutas do Viño, adegas, industria alimentaria- artesanía, empresas de turismo activo, náutico e deportivo e responsables de parques de lecer, entre outras.

Con esta segunda fase dáse continuidade ao traballo iniciado hai uns meses, coa celebración de 20 mesas de traballo, 40 entrevistas persoais a expertos, 61 entrevistas a responsables de casas rurais e 153 enquisas a aloxamentos de turismo rural. Analizáronse, ademais, todas as normativas, plans e proxectos de turismo desenvolvidos ata a actualidade con incidencia en turismo rural. Todo este traballo permitiu obter unha primeira radiografía para elaborar a diagnose estratéxica da situación actual do sector en Galicia e extraer ideas das necesidades para deseñar os retos de futuro.

Imaxe unificada do sectorOs asistentes subliñaron a necesaria colaboración entre todos os implicados para ofrecer aos viaxeiros unha oferta diferenciada, en liña coa Estratexia do turismo de Galicia 2020, impulsada pola Xunta e o sector. Entre outras cuestións, apostan por acadar unha imaxe unificada do turismo rural en Galicia que permita diferenciarse doutro tipo de aloxamentos e facer esforzos en formación. Tamén se referiron á necesidade de que os profesionais aposten por un turismo sustentable vinculado á natureza, enogastronomía e cultura, aos oficios artesanais e incluso á astronomía que permitan traballar para seguir desestacionalizando a demanda.

Tamén se afondou na necesidade de que os establecementos fortalezan a súa relación coas axencias tradicionais á hora de comercializar a súa oferta e que se impulsen accións complementarias con guías oficiais de turismo. Neste sentido, os profesionais indicaron a importancia de ofrecer promocións de actividades para o turista que busca experiencias, que se corresponde, segundo apuntan, co perfil que máis frecuenta os establecementos de turismo rural, especialmente interesados na natureza, gastronomía ou práctica de deportes.

Obxectivo para 2020 cumpridoCoa posta en marcha desta segunda fase, continúase a avanzar no deseño do Plan Estratéxico de Turismo Rural de Galicia, un dos compromisos da Estratexia de turismo de Galicia 2020, e que permitirá poñer en valor este segmento turístico que acadou en 2017, con tres anos de antelación, a ocupación prevista para 2020 nas estimacións da folla de ruta do turismo galego. Nunca antes este sector superara unha ocupación media do 20%, o que ademais mellora a marca de ata nove comunidades autónomas españolas.


- Te recomendamos -