Inicio Galicia Galicia estreita lazos con Francia para reforzar o papel histórico deste país...

Galicia estreita lazos con Francia para reforzar o papel histórico deste país na peregrinación a Santiago de Compostela

0

A Comunidade galega foi convidada por primeira vez á Asamblea da Federación Francesa de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, onde se presentou o modelo de xestión que se leva a cabo en Galicia


Coa intención de reforzar o histórico papel de Francia na peregrinación a Compostela, a Consellería de Cultura e Turismo participou en Saint-Jean-Pied-de-Port na última reunión da Asamblea Xeral da Federación Francesa de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, entidade na que están integrados máis de 40 colectivos xacobeos de toda Francia que traballan para preparar, informar e ofrecer acollida e hospitalidade aos peregrinos ao longo dos 17.000 quilómetros marcados no país galo e noutros itinerarios de España.

Por primeira vez, a nosa Comunidade tivo a oportunidade de presentar ante o movemento asociativo xacobeo francés o modelo galego de xestión ao redor do Camiño de Santiago, cunha conferencia a cargo do director-xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, que acudiu en representación da Consellería de Cultura e Turismo.

Presentou ante preto de 200 persoas, entre as que tamén se atopaban representantes de asociacións de España, Bélxica, Inglaterra e Alemaña, o modelo de acollida posto en marcha en Galicia a través da Rede Pública de Albergues do Xacobeo, así como o papel que ten o asociacionismo na folla de ruta galega, ao que se apoia cunha liña de axudas específica para impulsar as súas actividades.

Tamén se afondou nos traballos levados a cabo para o mantemento de todas as rutas e os traballos de difusión e divulgación coa vista posta no Xacobeo 21.

Primeira asociación xacobeaA presenza de Galicia nesta reunión inclúese no compromiso da Xunta por estreitar lazos co asociacionismo xacobeo, un dos obxectivos do Plan Director do Camiño de Santiago. Tamén se pon así en valor o papel histórico de Francia na progresión do fenómeno xacobeo en Europa, xa que ten sido un dos grandes impulsores da reactivación do Camiño de Santiago desde os anos 50 do pasado século cando foi creada en París a primeira asociación xacobea, a Societé Française des Amis de St. Jacques de Compostelle.

Consciente do papel estratéxico de Francia neste eido, Galicia fai así un reforzo de difusión do Camiño de Santiago para que os peregrinos franceses manteñan o protagonismo que sempre tiveron. A día de hoxe é o quinto país estranxeiro do que proceden máis peregrinos, superando xa os 8.000.


- Te recomendamos -