Esta delegación abrirase nos vindeiros meses da man da Xunta e da Universidade de Vigo
Galicia entrará na rede de oficinas de educación da Axencia Espacial Europea (ESA) cunha delegación para o noroeste de España, que se abrirá nos vindeiros meses da man da Xunta e da Universidade de Vigo, e co obxectivo de fomentar as vocacións científicas.
Con esta iniciativa a Comunidade sumará os recursos da ESA á vocación e a entrega do profesorado e ao potencial do alumnado. Non en van esta delegación significará mellor formación para os profesores; unha porta aberta para que os rapaces participen nos programas e concursos da axencia e a tradución dos seus materiais educativos ao galego.
O presidente da Xunta participou hoxe na inauguración da xornada educativa Stemlab Galicia, onde destacou a oportunidade que supón este evento, a primeira feira que se celebra en Galicia destas características e na que participarán preto de 3.000 alumnos e 18 centros, para facer máis visibles os proxectos de ciencia e tecnoloxía, a creatividade e a capacidade de innovar da comunidade escolar galega. Feijóo destacou que o obxectivo de calquera comunidade educativa é ofrecer aos alumnos a oportunidade de ser o que queiran ser “niso consiste a educación, en poder realizar o soño que temos”.
Ademais, agradeceu a presenza no evento do astronauta Pedro Duque, que estivo no transbordador Discovery e na Estación Espacial Internacional, que está hoxe “cos nenos e as nenas galegos que se están formando e que serán, sen dúbida, os líderes da Galicia de dentro de moi pouco tempo”.
Ao respecto, Feijóo recordou que durante o curso pasado, máis de 5.000 profesores se formaron en tecnoloxía e máis de 2.200 en robótica (programación en Arduino e Raspberry e impresión 3D). Máis de 5.000 rapaces tamén se forman na actualidade en robótica, programación ou identidade dixital; e 22.000 alumnos dispoñen xa dun kit de robótica, de impresión 3D e de computación maker. Feijóo destacou que “o noso compromiso é que de aquí ata o 2020 vamos a seguir avanzando no ámbito da robótica, no ámbito da programación, da identidade dixital e da impresión 3D” e dixo que “de aquí ao ano 2020 temos unha estratexia: que en Galicia todos os alumnos, todas as alumnas se poidan formar en robótica e en programación”.
Nesta liña, a Xunta está a sumar esforzos para multiplicar oportunidades, con máis plurilingüismo, con máis apoio ás necesidades educativas especiais e con máis tecnoloxía ao alcance do alumnado, a través de novos contidos para o libro dixital, ordenadores portátiles e mellor conexión á internet.
Nos vindeiros meses a Xunta seguirá comprometida co impulso das vocacións científico-tecnolóxicas na educación pública galega, con iniciativas como a organización da Semana STEM, que se desenvolverá totalmente en inglés; a creación dunha rede de centros con especial interese nestas materias; e o desenvolvemento dos Espazos Maker, onde os estudantes poidan desenvolver a súas capacidades innovadoras.
Ademais, a creación do Bacharelato de Excelencia en ciencias e tecnoloxía incorporará unha materia extracurricular desta área e rematará coa presentación dun traballo de investigación.
O presidente da Xunta concluíu poñendo en valor o traballo e o compromiso de todo o persoal educativo galego que acompañan, día a día, aos alumnos para que fagan realidade a súa vocación. “Para conseguilo necesitamos a profesores comprometidos, sen profesores non hai educación”, aseverou.
- Te recomendamos -