Inicio Galicia Galicia é a primeira comunidade autónoma que logra aprobar os seus Orzamentos...

Galicia é a primeira comunidade autónoma que logra aprobar os seus Orzamentos para 2019

0

As contas públicas da Xunta recibiron hoxe o visto e prace do Parlamento, polo que Galicia evita así prorrogar os Orzamentos, como si farán outras comunidades


Galicia é a primeira comunidade autónoma de España que aproba os seus Orzamentos para 2019, logo de que as contas públicas recibisen hoxe o visto e prace no Pleno do Parlamento. Galicia evita así a aplicación dunha prórroga orzamentaria que si farán outras comunidades autónomas.

Os Orzamentos para 2019 establecen un gasto de 9.850 millóns e entrarán en vigor o 1 de xaneiro, unha vez que esta lei se publique nos vindeiros días no DOG. As contas da Xunta para 2019 incrementan o gasto en 363 millóns, un 3,8%, o que permitirá reforzar o gasto social, facer máis investimentos, impulsar a creación de emprego e aplicar novas baixadas impostos. Galicia disporá así de 1.464 millóns máis que en 2014 co obxectivo de fortalecer unhas contas públicas centradas no crecemento, os servizos e as persoas.

O aumento de recursos permitirá reforzar noutros 270 millóns de euros o gasto social e tamén aumentan un 7% os fondos para o fomento do emprego, ata os 254 millóns, coa previsión de crear no 2019 uns 15.000 novos postos de traballo a tempo completo. En canto aos investimentos, os Orzamentos aumentan un 5,2% os gastos de capital, ata os 1.652 millóns, para que Galicia siga entre as comunidades que fan maior esforzo investidor.

No eido da competitividade, a Xunta incrementara un 14% os recursos para a innovación ao tempo que as axudas ao investimento produtivo nas empresas medran un 15%, ata chegar a case 90 millóns de euros. En canto ás infraestruturas, os Orzamentos para 2019 incrementan nun 260% os recursos orzamentarios para as estacións intermodais e elevan un 29% os fondos destinados a actuacións de melloras para seguridade viaria.

Novas baixadas de impostosO 1 de xaneiro tamén entrarán en vigor as novas rebaixas de impostos incluídas nestes Orzamentos, que se unen ás xa aprobadas polo Goberno galego nos últimos anos, como a do IRPF, a do Imposto sobre Sucesións ou o programa de impostos cero no rural.

Entre as novidades está a rebaixa do 8% ao 7% no Imposto sobre Transmisións Patrimoniais (ITP) no caso de vivenda usada para uso habitual, que beneficiará a 10.000 galegos ao ano, e a baixada no Imposto sobre Sucesións e Doazóns nas herdanzas entre irmáns. A Xunta tamén reverte a suba do Imposto sobre o Patrimonio de 2013, de modo que Galicia volve ter a tarifa estatal, e apróbanse novas deducións fiscais no eido da innovación.


- Te recomendamos -