A nosa comunidade avoga porque a PAC siga sendo unha política eminentemente común que manteña como mínimo o actual orzamento
Galicia defende a existencia dun único Plan estratéxico sobre a Política Agrícola Comunitaria (PAC) por Estado membro, para evitar que se produzan agravios comparativos entre agricultores de diferentes comunidades autónomas dentro de España. Trátase de garantir que o acceso ás axudas comunitarias se produza en igualdade de condicións, independentemente do territorio no que se localice a actividade de cada labrego.
Por iso, a Xunta aposta porque a PAC siga sendo unha política eminentemente común que manteña como mínimo o actual orzamento, baseándose en dous piares, axudas directas e desenvolvemento rural. O primeiro deles debe financiarse con fondos cen por cento europeos. No caso do desenvolvemento rural, a nosa comunidade si admite unha certa rexionalización, que se plasmaría na existencia de diferentes programas por autonomías, recollendo as súas especificidades, pero sempre dentro dun Plan estratéxico único.
Así o trasladou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa participación –por videoconferencia– no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios. Ademais, o conselleiro fixo unha valoración positiva da proposta comunitaria de establecer un sistema baseado no rendemento, garantindo unha “política orientada a resultados”.
Deste xeito, Galicia considera que se asegura unha xestión máis eficiente da PAC, con máis flexibilidade para os Estados membros, mellore obxectivos, máis transparencia e unha realidade máis próxima aos agricultores e gandeiros. Isto farase mediante os plans estratéxicos presentados por cada Estado.
Polo demais, Galicia mantén a defensa dos demais puntos clave para a comunidade. Entre eles salienta a conveniencia de limitar o traspaso entre piares a un máximo do 10% dos fondos, e só autorizarse desde o segundo (desenvolvemento rural) ao primeiro (axudas directas). Tamén se considera adecuado o establecemento dun tope máximo de 60.000 euros de axuda por explotación, e non de 100.000, como establece a proposta da Comisión. Isto persegue beneficiar ás pequenas e medianas explotacións, que son maioría en Galicia.
Así mesmo, avógase por unha efectiva simplificación da PAC, tanto para facilitar aos agricultores o acceso ás axudas como para diminuír a carga administrativa na tramitación de todos os procesos.
Incorporación de mozosOutros puntos da postura de Galicia –que foi consensuada co sector– apostan por favorecer o apoio á incorporación de mozos á actividade agraria, pola posta en marcha de mecanismos de negociación colectiva que garantan a transparencia na conformación dos prezos ou por incrementar as coas axudas asociadas, para que estas supoñan unha gran parte das achegas directas.
Así mesmo, deféndese consensuar dentro do devandito Plan estratéxico a definición de “agricultor xenuíno” e apoiar os dereitos históricos no novo pago disociado, de forma que se garanta o actual nivel de apoio, que está adaptado ás características propias de cada zona.
- Te recomendamos -