Rosa Quintana sinalou que o buque `Marbella´ é un exemplo do que Galicia demanda á UE, que consiste en poder facer novos buques nos que a habitabilidade non compute na capacidade pesqueira
Vigo, 7 de agosto de 2018.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo en valor hoxe en Vigo a necesidade de apostar pola mellora das condicións a bordo dos buques para favorecer as incorporacións á actividade pesqueira. Fíxoo durante a súa visita ao novo buque arrastreiro Marbella, que se incorpora á frota pesqueira e que pertence á empresa viguesa Pesqueira Áncora.
Este buque, destacou a conselleira, é un exemplo desa aposta polas melloras das condicións a bordo, pois o seu gran arqueo xera un espazo que favorece a mellora da habitabilidade e da seguridade a bordo e tamén a comodidade da tripulación.
Neste sentido, a titular de Mar sinalou que é un exemplo do que Galicia demanda á Unión Europea. Unha solicitude que consiste, expuxo, en poder facer novos buques nos que a habitabilidade non compute na capacidade pesqueira, porque non ten influencia na actividade extractiva, senón na seguridade e na comodidade.
Este aspecto, engadiu Rosa Quintana, está exposto no ditame sobre o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca despois de 2020, liderado por Galicia co presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo á cabeza e por encargo do Comité Europeo das Rexións (CdR).
En canto á incorporación do buque Marbella á actividade, a conselleira puxo de relevo que é unha mostra de que Galicia está a reverter a tendencia da redución de frota que presenta a Unión Europea. Nesta liña, a conselleira explicou que se está a estabilizar o nivel da frota galega.
O buque `Marbella´O buque Marbella de Pesqueira Áncora conta con 4.290 GT e 86 metros de eslora. Dedicarase á captura de bacallau no Mar de Barents e NAFO, cunha capacidade prevista para procesar entre 20 e 25 toneladas de filetes ao día e conta con amplos camarotes, Wi-Fi, comedor, ximnasio, sauna, sala audiovisual e sala de ponte similar ao dun oceanográfico. A amplitude do seu espazo respecto ao de outros barcos repercute directamente na mellora da habitabilidade e comodidade da tripulación.
- Te recomendamos -