O conselleiro de Sanidade presentou o Proceso Asistencial Integrado desta patoloxía que garante un máximo de 15 días para a primeira consulta de neuroloxía tras a sospeita da enfermidade e dun mes máximo para a avaliación da dependencia nos pacientes xa diagnosticados
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou esta semana a importancia do Proceso Asistencial Integrado da esclerose lateral amiotrófica (ELA) que mellora a atención sanitaria e social dos pacientes que sofren esta enfermidade neurodexenerativa, adecuando ambos sistemas ás súas necesidades. O documento presentado homoxeneíza a atención, garantindo a equidade e a continuidade asistencial destes pacientes e converte a Galicia nunha das primeiras comunidades autónomas en dispoñer dun procedemento de actuación integral para atender a doentes con ELA. A súa elaboración vén referendar un dos compromisos adquiridos hai un ano polo Goberno galego, a través das Consellerías de Sanidade e de Política Social e o Sergas, coa Fundación Francisco Luzón.
O proceso asistencial impulsa as consultas hospitalarias de acto único en todos os centros hospitalarios do Sergas; define unha vía clínica da ELA e establece tempos máximos recomendados de resposta desde o diagnóstico precoz desta enfermidade (tanto no ámbito hospitalario como en atención primaria), ata a confirmación diagnóstica, a evolución e seguimento do doente e a abordaxe da fase final da enfermidade. Tamén establece un tempo máximo dun mes para a avaliación da dependencia por parte da Consellería de Política Social, o que axilizará a adxudicación dos recursos sociosanitarios necesarios a estes pacientes.“Desgraciadamente non hai posibilidade de ofrecer unha solución á enfermidade, pero si podemos mellorar a calidade de vida das persoas que a padecen, acompañalas desde o inicio e durante todo o proceso asistencial, prestando unha atención multidisciplinar, experta e personalizada a través do Plan Individualizado de Atención e coordinando todos os recursos que se fixan neste documento”, subliñou Almuiña durante a presentación do procedemento de actuación integral.
Neste senso, o documento recolle o conxunto de actividades secuenciais encamiñadas a establecer o diagnóstico de ELA en pacientes con síntomas suxestivos da enfermidade, desde un punto de vista global, integrando a atención dos sistemas sanitario e social, acompañando ao paciente e á súa familia até o fin da enfermidade e garantindo unha adecuada continuidade asistencial. O desenvolvemento do documento é froito da colaboración entre as Consellerías de Sanidade e de Política Social, do Sergas e representantes das asociacións de pacientes. Na súa redacción participaron 33 expertos en esclerose lateral amiotrófica e tamén se tiveron en conta as necesidades por parte das persoas con ELA .“Este é un Proceso colaborativo, interdisciplinar, baseado na coordinación e na continuidade asistencial entre os distintos niveis asistenciais, que aproveita e mellora os recursos sanitarios e sociais dispoñibles e define novas formas de traballo en ambos ámbitos”, dixo o titular de Sanidade. Como exemplos destes novos deseños organizativos, Almuiña destacou “a organización das consultas de acto único nos hospitais do Sergas ou o compromiso de axilizar a tramitación da valoración da discapacidade aos pacientes con ELA para que a súa resolución se emita no prazo máximo dun mes dende o momento da solicitude”.
Tempos de respostaO proceso asistencial establece unha vía clínica da ELA en cada centro hospitalario que garante que as persoas con sospeita fundada da enfermidade teñan a súa primeira consulta de neuroloxía nun tempo máximo non superior aos 15 días. Tamén se establecen tempos máximos recomendados para a realización de probas diagnósticas (un mes para o estudo neurofisiolóxico tras a solicitude e un mes para a realización da Resonancia Nuclear Magnética ou TAC).
Nas consultas de seguimento, os tempos máximos recomendados son de 15 días (para a revisión de resultados tras a realización das probas complementarias) e de 45 minutos de consulta por paciente. Tamén se impulsan as consultas hospitalarias de revisión interdisciplinar de acto único en cada unha das áreas sanitarias do Sergas e a creación da figura do coordinador, que exercerá de interlocutor directo co paciente e coa familia aos efectos da organización da consulta.
O proceso tamén contempla que a unidade de coordinación da dependencia da Consellería de Política Social manteña unha comunicación directa co ámbito sanitario ao obxecto de axilizar os prazos, garantindo que os trámites de valoración inicial, revisión e tramitación de recursos nas valoracións de dependencia ou discapacidade dos pacientes con ELA se resolvan nun mes. Outro dos aspectos destacados é a adxudicación da tarxeta AA para as persoas con ELA, como un compromiso da Consellería de Sanidade pola atención de forma preferente aos pacientes, e a abordaxe da fase final da enfermidade tanto de cara ao paciente como da súa familia.
- Te recomendamos -