Inicio Galicia Galicia convértese na primeira comunidade cun Plan básico autonómico que beneficiará o...

Galicia convértese na primeira comunidade cun Plan básico autonómico que beneficiará o ordenamento urbano de todos os núcleos de poboación de Galicia

0

Grazas a este plan identificáronse os 39.000 asentamentos de poboación, reflectíronse as afeccións sectoriais sobre o territorio e establécense unas ordenanzas tipo de edificación e uso do solo


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que, coa aprobación definitiva do texto do Plan básico autonómico, Galicia se converte na primeira comunidade que conta cun instrumento deste tipo, que suporá beneficios en materia urbana para todos os núcleos de poboación de Galicia.

Ao longo da rolda de prensa, o presidente da Xunta explicou as principais vantaxes que se conseguen con esta nova normativa: a identificación de todos os asentamentos de poboación da Comunidade, agora sábese que son 39.000, coas súas afeccións sectoriais; a definición das áreas do territorio nas cales sexa necesario recadar informe dos diferentes organismos con competencias sectoriais, de xeito que dará transparencia e axilidade ao mecanismo de solicitude destes informes; e establecerá unha regulación de carácter xeral dos diferentes usos do solo e da edificación, de acordo coas súas determinacións, a través dunhas ordenanzas tipo que serán incorporadas aos plans básicos municipais.

Ao fío disto o presidente da Xunta quixo salientar o gran traballo que desenvolveu o Instituto de Estudos do Territorio ao recadar toda esta información, fundamental para a elaboración deste plan.

Esta nova normativa aplicarase nos plans básicos municipais para 38 concellos de menos de 5.000 habitantes que aínda se rexen polas Normas Provinciais de 1991 e, complementariamente, nos 177 municipios suxeitos a normas subsidiarias municipais ou PXOM desactualizados. Así, segundo o presidente, garántese “unha seguridade xurídica para que non se paralice o Concello” en caso de non ter aprobado o PXOM e “evítanse disparates urbanísticos” que poderían amparar normas obsoletas.

O texto foi aprobado definitivamente nun prazo de sete meses desde a aprobación inicial, tras superar una tramitación que incluíu unha exposición pública de dous meses para garantir a participación cidadá e tras solicitar os informes sectoriais preceptivos e os informes determinantes a 313 concellos. Tomáronse en consideración, dixo, 700 alegacións, o 70% das que se recibiron.

Para finalizar, Feijóo subliñou que se prevé que os primeiros plans básicos municipais estean listos ao longo do ano que vén cumprindo cos obxectivos marcados de que non haxa ningún concello sen PXOM e garantindo que o ordenamento se desenvolva de forma sustentable e contribuíndo a vertebrar o país.


- Te recomendamos -