Así llo trasladou a conselleira do Medio Rural ao novo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación na primeira xuntanza do Consejo Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios tras o cambio no Goberno de España
A Xunta agarda que o novo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, cumpra o seu compromiso de continuar co traballo feito pola súa antecesora no cargo en relación coa defensa dos intereses dos agricultores e gandeiros diante da reforma da futura PAC. Así o expresou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, tras asistir hoxe en Madrid ao primeiro Consejo Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios tras o cambio no Goberno de España.
Neste sentido, a titular de Medio Rural puxo en valor o labor desenvolvido ata o de agora pola ex-ministra Isabel García Tejerina como un “bo punto de partida” e amosou o seu interese por que o novo ministro aproveite e manteña ese compromiso, xa que diso depende, en gran medida, que se manteñan os actuais niveis de renda de agricultores e gandeiros.Ángeles Vázquez lembrou ademais que entre os obxectivos de Galicia está o de conseguir un orzamento suficiente para afrontar os retos da agricultura para o período 2021-2027, cun financiamento 100% comunitario para o primeiro piar. De feito, engadiu, a Xunta apoia a declaración ministerial asinada o pasado 31 de maio por Francia, Finlandia, Portugal, Grecia, Irlanda e España sobre o Marco Financeiro Plurianual (MFP) e a PAC na que se defende unha postura común para esixir á Comisión que o orzamento non se recorte e que será trasladada previsiblemente no próximo Consello de Ministros.
Desde o Goberno galego enténdese, así mesmo, que a PAC debe contribuír a mellorar a vertebración sectorial a través da creación de organizacións de produtores e apostar por unha cadea alimentaria máis equilibrada que contribúa a reforzar a posición dos produtores. A maiores, Galicia reclamará incentivos para os agricultores mozos que garantan o relevo xeracional, dado o éxito que ademais está demostrando na nosa comunidade con máis de mil persoas incorporadas á actividade agraria nos últimos dous anos.
Como reto último, a PAC debería apostar por un medio rural vivo e inclusivo a través das axudas para o desenvolvemento e que proporcione oportunidades de emprego para os habitantes do rural, en especial mozos e mulleres.
Postura comúnEste consello foi o primeiro que se celebra tras a constitución do novo Goberno de España e Ángeles Vázquez definiuno como unha primeira toma de contacto na que cada comunidade debía presentar as súas posicións. “En anteriores encontros avogamos por unha postura común que, esperamos se manteña, para así presentar unha posición única e forte por parte de España ante o resto de estados membros”, sinalou Vázquez. “Para que entre todos decidamos cal será o noso plan para a agricultura na próxima década”, engadiu.
- Te recomendamos -