Mar Pereira sinalou que esta estratexia dá continuidade á política dixital da Xunta de converter a Galicia nunha Comunidade facilitadora da extensión infraestruturas de telecomunicación
A Xunta de Galicia porá en marcha un Plan 5 G, complementario ás medidas europeas e estatais, para posicionar á Comunidade como territorio preferente na fase de pilotaxe de solucións tecnolóxicas baseadas na tecnoloxía 5G, que será o paso previo ao despregamento destas redes. Así o avanzou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, na inauguración do Foro “Retos e Oportunidades do 5G” na que tamén interveu o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Julio Sánchez.
Para avanzar no obxectivo do Plan a Xunta, en colaboración cos axentes do ecosistema galego, identificará áreas estratéxicas de aplicación da tecnoloxía 5 G en Galicia para desenvolver probas de concepto que dean resposta a novos retos sociais e económicos.
Fortalezas do ecosistema 5G de GaliciaGalicia conta con diferentes capacidades para posicionarse no desenvolmento de casos de uso que faciliten o despregamento destas redes nunha fase posterior. Unha destas fortalezas é o hipersector TIC galego, formado por preto de 3.400 empresas e máis de 21.000 profesionais cun valor engadido bruto duns 1.200 millóns de euros, un 2,1% do PIB galego.
Ademais, na Comunidade existen centros de referencia no eido tecnolóxico como as universidades e centros tecnolóxicos galegos de primeira orde en ámbitos coma as telecomunicacións, supercomputación ou a automoción internacional.
Tamén existen proxectos innovadores directamente relacionados coas tecnoloxías 5G. É o caso do corredoiro entre Vigo e Oporto para realizar ensaios transfonterizos en torno ao vehículo conectado ou o existencia dun Consorcio Aeronáutico de Galicia e a Civil UAVs Initiative no polo das RozasA cobertura 4 G, Galicia é a terceira comunidade autónoma con máis cobertura de redes 4G, só por detrás de Madrid e País Vasco, o que pode facilitar a penetración futura de servizos 5G.
A existencia dun operador público neutro, Retegal, con capacidade para facilitar e racionalizar os despregamentos de rede, é outro dos factores a favor da Comunidade.
Retos do 5GAínda que está previsto que as tecnoloxías 5G adquiran madurez tecnolóxica e comercial no período 2018-2020, o despregamento masivo deste tipo de redes estímase que terá lugar a partir do ano 2020 e antes requirirá resolver diferentes retos.
Entre eles, está atraer inversión para un despregamentos de rede cun elevado custe, xa que as redes precisan dunha ampla capilaridade; definir un modelo de negocio ou a necesidade lograr un estándar único globalPrimeiro foro galego de 5GBaixo o título “Oportunidades e retos das redes 5G”, a Amtega e a AETG organizaron primeiro foro de debate en Galicia sobre o marco no que se desenvolverán as redes 5G, o impacto que terán na sociedade galega, os retos para a súa implantación e o potencial do hipersector TIC galego para situarse neste contexto tecnolóxico emerxente.
O encontro busca ofrecer os puntos de vista, inquietudes e expectativas de todos os axentes implicados polo que está estruturado en diferentes bloques para dar voz a operadores, fabricantes, clientes, administracións públicas e entidades que están a traballar xa en iniciativas de 5G.
As redes 5G están a dar os seus primeiros pasos e espérase que nos próximos anos o seu despregamento sexa xa unha realidade e pasen a converterse nunha infraestrutura básica para a transformación dixital, xunto con outras tendencias como o big data, a intelixencia artificial ou a internet das cousas.
A celebración deste foro enmárcase nas iniciativas promovidas pola Axenda Dixital de Galicia 2020, que ten como obxectivo prioritario contribuír a transformación dixital da Comunidade.
- Te recomendamos -