Inicio Galicia Galicia contará cun novo programa de axudas destinadas a incentivar a contratación...

Galicia contará cun novo programa de axudas destinadas a incentivar a contratación indefinida de preto de 200 mulleres en situación de desemprego

0

Feijóo explicou que esta iniciativa contempla dous tipos de axudas, un bono de 7.000 euros para incentivar a contratación e outro, opcional, de 1.000 euros para a formación complementaria ao posto de traballo


O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa de Consello, a posta en marcha dun novo programa de axudas destinado a incentivar a contratación indefinida de mulleres desempregadas. Está previsto que o plan permita que preto de 200 mulleres atopen un traballo nunhas 150 empresas. Para tal fin contarase cun orzamento de 1,5M€.

Esta iniciativa, que redundará nunha mellora no acceso da muller ao mercado laboral, contempla dous tipos de axudas. Un bono de 7.000 euros para incentivar a contratación e outro, opcional, de 1.000 euros para a formación complementaria ao posto de traballo.

Ambos compatibles entre si e, no caso do primeiro, susceptible de ampliarse nun 25% para as mulleres maiores de 45 anos, emigrantes retornadas ou en caso de que o centro de traballo estea emprazado no rural. Deste xeito, abundou, a axuda máxima a percibir por muller contratada poderá chegar ata os 13.250 euros.

A este respecto, o presidente da Xunta salientou que estas medidas están contempladas na que é a folla de ruta do Goberno galego para acadar a plena igualdade no ámbito laboral, o Plan emprega en feminino.

Xa para concluír, Feijóo lembrou que aínda que este é un dos campos nos que máis traballo queda por facer non se poden obviar os logros acadados. No último ano 10.000 mulleres abandonaron as listas do paro, o 70% das traballadoras teñen un contrato indefinido e máis do 44% das mulleres emprendedoras lograron consolidar os seus negocios.


- Te recomendamos -