Esta cifra despréndese do informe encargado pola Consellería do Mar á Universidade de Santiago de Compostela (USC), que foi presentado hoxe ao sector no seo do Consello Galego de Pesca e que se remitirá ás institucións europeas
Un informe encargado pola Consellería do Mar á Universidade de Santiago de Compostela (USC) cifra en 15 millóns de euros a posible perda de produción na frota galega de arrastre no Cantábrico Noroeste como consecuencia da aplicación da obriga de desembarco de capturas que establece a Política Común de Pesca. Este documento foi presentado hoxe ao sector polo profesor de Economía Aplicada da USC, Gonzalo Rodríguez, no marco do Consello Galego de Pesca.
Neste senso, o informe sinala as posibles afeccións desta normativa en varios ámbitos, coma o emprego necesario para atender esta nova obriga, o sobrepasamento da capacidade da bodega e a conseguinte necesidade de adiantar a volta a porto ou no maior consumo de envases para o peixe e outros gastos derivados. Alén disto, cuantifica o impacto de perda por buque en tres escenarios baixo a posibilidade da mellora da eficiencia na selectividade, na aplicación dun mínimis do 5% sobre o descarte e na continuidade da situación actual. Neste último caso, a perda media de ingresos por buque estaría cifrada nuns 161.000 euros.
Este informe será remitido pola Xunta ás institucións europeas, en concreto á DG Mare; ao Consello, a través da Representación Permanente de España ante á UE (REPER), e ao Parlamento Europeo. O documento fai fincapé en tres aspectos principais que definen a problemática relacionada coa obriga de desembarque de capturas en Galicia.
Un deles é a existencia de pesquerías multiespecíficas, é dicir, a presenza de varias especies diferentes, algunhas sen valor comercial, que son as que ocasionan os descartes. Así acontece, por exemplo, no caso do Cantábrico. Isto supón que nestas zonas sexa máis complicado para a frota pescar as especies que son de interese, que o número de descartes sexa máis alto e que coa obriga de desembarque de capturas sexa maior a perda de cota e de ingresos. O segundo factor no que fai fincapé o informe é a inexistencia de cotas suficientes nalgunhas especies e o terceiro o a diversidade de frotas e de aparellos que emprega a frota galega, con diferentes graos de selectividade.
Neste sentido, o informe encargado pola Xunta fai fincapé na necesidade de evitar progresivamente os descartes de pesca e dunha maior unha maior flexibilidade temporal na súa aplicación, que é o que vén defendendo Galicia. De feito así se reflicte no ditame de Galicia sobre a reforma da Política Común de Pesca (PCP), elaborado pola Xunta e polo Consello Galego de Pesca.
No pleno do Consello Galego de Pesca tamén se presentou ao sector o Atlas da frota de baixura do litoral de Galicia, elaborado pola Unidade Técnica de Pesca de Baixura da Consellería do Mar. Este estudo analiza a actividade deste segmento de frota e serve de apoio aos argumentos para a defensa de Galicia de deixar sen efecto a normativa que regula o desembarco dos descartes na frota artesanal. Con esa intención será trasladado ás institucións europeas. A frota de baixura traballa en caladoiros onde hai moita variedade de especies. Por iso, aplicar o regulamento tal e como está podería impedir a súa actividade por falta de posibilidades de pesca dunha determinada especie.
Outros temasOutro dos temas abordados foi o ditame sobre o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca despois de 2020, elaborado por Galicia co presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo á cabeza e por encargo do Comité Europeo das Rexións (CdR). Este ditame recolle as propostas das rexións e cidades europeas e foi aprobado por unanimidade dos 350 membros do CdR en maio.
Tamén se tratou a proposta da Unión Europea de modificación do regulamento europeo de control da pesca sobre o que se acordou abordar un ditame no marco do Consello Galego de Pesca. O obxectivo deste traballo é aportar as suxerencias de Galicia e colaborar coa Unión Europea e o Goberno central na defensa dos intereses da frota galega.
- Te recomendamos -