A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, entregou hoxe a acreditación á empresa, que se converte na primeira en elaborar co selo de garantía os doces tradicionais melidenses por excelencia
Melide (A Coruña), 19 de decembro do 2018.- A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixeron entrega hoxe do distintivo de garantía á empresa melidense Tahona de Melide, unha empresa que aposta por manter a tradición dos doces da comarca sen deixar de lado a innovación, a mellora na comercialización e a aposta pola tecnoloxía.
Con este recoñecemento, a empresa conta co selo para os seus produtos elaborados no seu obradoiro como os melindres, os ricos e os amendoados, elaborados a base de manteiga, ovos e fariña. No establecemento, que iniciou a súa actividade nos anos 30, está situado no Camiño Francés.
A directora xeral de Comercio e Consumo agradeceu a aposta do Concello de Melide e da Tahona en particular por promocionar e resaltar un produto tan arraigado á tradición e tan valorado polos miles de peregrinos que cada ano pasan pola localidade. Con este recoñecemento, “os melindres poden chegar a novos mercados, avalados pola garantía que lles outorga o selo de Galicia Calidade”.
Pola súa banda, Alfonso Cabaleiro, destacou a importancia do sector alimentario dentro da marca. Con esta incorporación, destacou, “sumamos un novo produto tan representativo como o melindre, a unha lista tan completa como a que contamos, ovos, pescada, viño ou polo, entre outros”.
Con esta incorporación o selo de certificación Galicia Calidade suma máis de 400 produtos e servizos de 111 empresas galegas. Na comarca de Melide, a Tahona convértese na primeira empresa que na actualidade conta cos seus produtos certificados.
- Te recomendamos -