A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, entregou hoxe o certificado de uso da marca a esta empresa especializada na creación de pezas únicas
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, entregaron hoxe o certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á xoiaría Katuxa Platero Joyas, unha empresa que desde Santiago de Compostela exporta talento e creatividade. Con este recoñecemento, a xoiaría Katuxa Platero Joyas pode empregar o certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade para a Colección En el Jardín, composta por deseños exclusivos.
A directora xeral de Comercio e Consumo e presidenta de Galicia Calidade resaltou que Katuxa, que conta tamén coa marca Artesanía de Galicia, é un exemplo da combinación de “talento e aposta polo comercio intelixente”, apostando no seu caso pola creación de pezas únicas baseándose nas xemas.
Sol Vázquez destacou que a Xunta está a pór en valor “a calidade e a profesionalidade da xoiaría galega”, apoiando iniciativas como a que representa esta empresa compostelá, que xera un alto valor engadido para as súas coleccións con talento e creatividade artesanal. Pola súa banda, Alfonso Cabaleiro, destacou que o sector da xoiaría galega conta cun gran prestixio e o selo Galicia Calidade contribúe a promocionar as creacións dos mestres artesáns e ofrecerlle unha garantía de autenticidade aos seus produtos.
Na actualidade, ademais de Katuxa Platero Joyas, contan coa certificación de Galicia Calidade as xoiarías Ardentia, Fernando Gallego, Fink Orfebres, Orfega, Oscar Rodríguez Joyeros e Unión Joyera de Bergondo. En conxunto, máis de 110 empresas de sectores como a alimentación, turismo, viño ou o lácteo teñen o selo de garantía.
Katuxa Platero é unha deseñadora galega centrada na creación de edicións limitadas e pezas únicas. É en Porto onde descubriu o mundo das xemas, como resaltar as súas características naturais e as súas combinacións. A súa formación empeza na escola de Artes de Santiago de Compostela con larga tradición artesanal. Cunha visión da xoiaría desde a Arte e a Moda desenvolve o seu proxecto de xoiaría de autor.
Katuxa deseña propostas artísticas a petición dos seus clientes, ben sexa noivas, aneis de compromiso ou outras peticións. Outra faceta desta xoieira é a reelaboración de pezas antigas e convertelas en deseños modernos. As súas xoias xiran en torno ás xemas, que inspiran o desenvolvemento da peza, aportándolles cor, beleza e alma.
- Te recomendamos -