Inicio Galicia Galicia alcanza xa o 71% do obxectivo marcado no Plan fixación de...

Galicia alcanza xa o 71% do obxectivo marcado no Plan fixación de poboación para a incorporación de mozos á actividade agraria

0

A conselleira Ángeles Vázquez visitou no Rosal a empresa Bichosa, que se dedica á satisfacer a demanda de alimento vivo en Galicia e foi beneficiaria desta liña de axudas

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, salientou hoxe no concello pontevedrés do Rosal o alto grao de cumprimento previsto no plan de fixación de poboación no tocante á incorporación de mozos á actividade agraria, alcanzando xa o 71% e faltando aínda dous anos para que remate o prazo marcado.

Estas cifras indican que a poboación máis nova segue apostando polo rural galego, con 1.084 incorporados nos últimos dous anos (2016 e 2017) e 484 solicitudes pendentes de resolución da convocatoria deste ano 2018 que supoñen un investimento no agro de 21,8 millóns de euros. Así o puxo de manifesto Ángeles Vázquez durante a súa visita á empresa Bichosa, beneficiaria destas achegas, que se dedica á venda online de alimento vivo para mascotas exóticas. “Un claro exemplo de diversificación que ten cabida no noso agro e que permite satisfacer unha demanda que estaba pouco explotada”, sinalou a conselleira.Ángeles Vázquez reiterou a importancia destas achegas, coa que se procuran acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e fomentar o emprego no sector agrario, co fin último de fixar poboación no medio rural. Esta liña compleméntase coas axudas de plan de mellora e desenvolvemento de pequenas explotacións, para as cales houbo un orzamento global de 65 millóns de euros na convocatoria deste ano.

BichosaA empresa Bichosa nace no ano 2013 con intención de satisfacer a demanda de alimento vivo en Galicia. Trátase dun produto escaso e caro que estaba pouco explotado na nosa comunidade. Tras ver os primeiros resultados, decidiron solicitar a axuda de incorporación de mozos, beneficiándose así de 45.000 euros, e ampliar oferta de forma online a todo o territorio nacional. Entre os produtos que venden cabe destacar os grilos, vermes, cascudas ou lagostas.


- Te recomendamos -