Inicio Galicia Galicia acolle unha xornada nacional na que nove comunidades avaliarán o regreso...

Galicia acolle unha xornada nacional na que nove comunidades avaliarán o regreso ao traballo tras unha baixa de longa duración

0

Na iniciativa Coidando as persoas, que organizan a Xunta e o Estado, participarán entre mañá e o venres en Santiago máis de 150 persoas

A Xunta e o Estado organizan mañá e o venres en Santiago de Compostela as xornadas de prevención de riscos laborais Coidando as persoas: regreso ao traballo tras unha baixa de longa duración, un espazo de encontro no que nove comunidades autónomas avaliarán a importancia de fomentar a reincorporación dos traballadores ao seu posto laboral tras unha enfermidade ou lesión. Neste foro de debate, que terá lugar no Hostal dos Reis Católicos a partir de mañá ás 16,30 horas, e que contará coa participación do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, abordarase a importancia de axudar aos traballadores con problemas de saúde crónicos a manter o seu posto de traballo.

Nas xornadas avaliaranse, deste xeito, os beneficios que poden ter as empresas ao garantir unha reincorporación efectiva ao posto de traballo dunha persoa tras unha baixa de longa duración.

Máis de 150 persoas e as comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Canarias, Cantabria, Euskadi, Castela e León, Andalucía, Estremadura e Valencia participarán nesta iniciativa que desenvolven conxuntamente o Instituto Nacional de Seguridade, Saúde e Benestar no Traballo (INSSBT) e o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA). A iniciativa contará ao longo de dous días coa participación de recoñecidos profesionais en seguridade e inspección laboral, expertos do ámbito sanitario e en medicina laboral e representantes dos axentes sociais de Galicia.

A actuación forma parte das estratexias española e galega de seguridade e saúde no traballo que inclúen a realización de actividades de divulgación e difusión para sensibilizar á sociedade sobre a importancia da prevención dos riscos laborais.


- Te recomendamos -