Inicio Galicia Galicia acada as 39 unidades mixtas de investigación para impulsar a I+D+i...

Galicia acada as 39 unidades mixtas de investigación para impulsar a I+D+i en sectores estratéxicos

0

Feijóo di que a quinta edición do Programa de unidades mixtas de investigación mobilizará máis de 20 millóns de euros para apoiar nove unidades mixtas

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha mobilización de máis de 20 millóns de euros para apoiar nove unidades mixtas nas cales centros de coñecemento e empresas colaboran para impulsar a I+D+i en sectores estratéxicos. Así, subliñou, Galicia acada, desde o inicio do programa, as 39 unidades mixtas -31 de nova creación e 8 de consolidación-; a mobilización de 114 millóns de euros grazas a axudas da Axencia Galega de Innovación por máis de 34 millóns; e a creación ou consolidación de 580 empregos cualificados.“Coñecemos hoxe a resolución da quinta edición do Programa de unidades mixtas de investigación e volvemos constatar que Galicia segue atraendo a innovación”, dixo, precisando que con esta nova edición se apoiará a creación de cinco novas unidades e a consolidación doutras catro, creadas en 2015, en sectores estratéxicos da economía galega como a automoción, o naval, o aeronáutico, o biotecnolóxico, o forestal e o metalúrxico.

Logo de precisar que estas nove unidades contribuirán á creación ou mantemento de 133 postos de traballo de alta cualificación, o responsable do Executivo autonómico salientou que as cinco unidades mixtas de nova creación concentran a súa investigación nos sectores: aeronáutico, naval, forestal, automoción e de materiais.

Na primeira destas cinco unidades mixtas colaborarán Navantia e Aimen, que buscarán novos materiais e sistemas automatizados para a fabricación avanzada. Na segunda, Everis e o Instituto Tecnolóxico de Galicia cooperarán na xestión do tráfico aeroportuario. Na terceira, Finsa e a Universidade de Santiago de Compostela innovarán no desenvolvemento de modelos de economía circular vinculada ao sector forestal. Na cuarta, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia e o Grupo Antolín avanzarán nunha nova xeración de interiores de vehículos ante os futuros retos da mobilidade. E na quinta, o centro tecnolóxico Aimen e ArcelorMittal desenvolverán tecnoloxías facilitadoras para a fabricación de produtos de aceiro.

Ademais, tamén se conceden axudas para a consolidación de iniciativas xa en marcha grazas a este programa, nas cales colaboran Cetaqua Galicia e Viaqua, coa creación do Centro de innovación galego de sistemas avanzados de tratamento de auga (CIGAT); Navantia e a Universidade da Coruña, que traballan no estaleiro 4.0; CTAG e Viza Automoción, que avanzan no desenvolvemento da fábrica intelixente; e a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela xunto con Roche Farma, que traballan na oncoloxía de precisión.

Finalmente, concluíu subliñando que neste programa traballan, de forma conxunta e coordinada, un total de 28 multinacionais líderes nos seus respectivos sectores e 13 centros de coñecemento galegos. 


- Te recomendamos -