O titular da Xunta asevera que Galicia xa está a traballar na preparación do Xacobeo 21: cunha nova Consellería de Cultura e Turismo; coa posta en marcha do Plan director do Camiño de Santiago, ou con eventos como o festival O Son do Camiño
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, expresou hoxe o seu optimismo tras a reunión mantida co ministro de Cultura e Deporte, José Guirao Cabrera, ao que solicitou o investimento de 100 millóns de euros para a rehabilitación de 41 BIC dos camiños de Santiago. “Agradezo moito ao ministro de Cultura que comparta esta idea. Isto é o que lle pedimos en relación á achega ao Xacobeo 21”, dixo, recordando que, para Galicia, a celebración do Xacobeo 93 supuxo un antes e un despois desde o punto de vista cultural, cambiando a imaxe exterior da Comunidade.
Ao longo da súa intervención, Feijóo aseverou que a Comunidade galega xa está a traballar na súa preparación: cunha nova Consellería de Cultura e Turismo; coa posta en marcha, por exemplo, do Plan director do Camiño de Santiago, ou con eventos como o festival O Son do Camiño, que se converteu no quinto festival máis importante de España. “E fai unhas semanas entregamos a compostela 300.000 que acredita que estamos en momentos históricos de peregrinación a Santiago, con peregrinos procedentes de 167 países e coa previsión de chegar aos 320.000 peregrinos a finais de ano”.
En relación á rehabilitación da Catedral de Santiago, o titular da Xunta trasladou a Guirao a necesidade dalgunhas contías adicionais para poder rehabilitala na súa totalidade. “Os obxectivos vanse cumprindo pero necesítanse algunhas contías adicionais e iso estudarémolo no Consorcio da Capitalidade de Santiago no que, como saben, están a Administración Xeral do Estado, a Xunta e o Concello, baixo a presidencia da S.
M. El Rei”, explicou.
Así mesmo, e ademais da rehabilitación dos BIC, trasladou ao ministro outros ámbitos de colaboración prioritarios como: materializar as bonificacións fiscais para os patrocinadores do Xacobeo e colaborar na programación do Xacobeo. Respecto ás desgravacións fiscais, e logo de que o anterior Goberno puxese en marcha un programa de beneficios fiscais para os patrocinadores do ano santo con efecto desde o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro do ano 2021, Feijóo valorou a confirmación do ministro do desbloqueo desta medida, de tal xeito que xa poidan estar operativas no mes de novembro. “Polo tanto, nunhas semanas xa poderemos ter as desgravacións fiscais activadas e todas as empresas que faciliten fondos para patrocinar o Camiño de Santiago poderán desgravar de acordo coa previsión da Lei de orzamentos”, dixo.
No tocante á programación do Xacobeo, Feijóo solicitou ao Ministerio que nas programacións culturais dos próximos exercicios ata o 2021 se teña en conta a temática xacobea ou vinculada aos camiños, así como que se trasladen a Galicia todos aqueles actos que poidan reforzalo.
A xuntanza serviu ademais para constatar os avances logrados para situar novamente Galicia nun lugar destacado do Patrimonio Mundial. Así, desde o Executivo autonómico confirmouse o camiño que xa se ten andado para lograr que a candidatura Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas consiga ese recoñecemento.
Non en van, a candidatura da Xunta xa está na lista indicativa de Patrimonio Mundial da Unesco, “e temos o apoio do novo embaixador de España na Unesco”, dixo, referíndose tamén ao proceso de tramitación da candidatura da Ribeira Sacra, coa previsión de presentala ante o Consello de Patrimonio Histórico Español, que se celebrará no primeiro semestre de 2019. “E, no que se refire á candidatura de Ferrol da Ilustración do Concello, o Ministerio e a Xunta imos apoiar a candidatura para que teña éxito”, sentenciou. Outro asunto que se abordou na reunión foi o obxectivo do Goberno galego de reverter o Pazo de Meirás ao patrimonio público. “Parécenos oportuno que o ministro de Cultura, a ministra de Xustiza e a avogacía do Estado estuden a proposta que saíu do Parlamento galego da recuperación da propiedade do pazo en beneficio do patrimonio do Estado”, dixo, despois de que a Comisión de expertos emitise o seu ditame de que hai causa para exercer unha acción de reivindicación de propiedade en beneficio do patrimonio do Estado e para uso e desfrute dos galegos e de calquera que o queira visitar.
Igualmente, o presidente da Xunta pediu a colaboración do Goberno central para preservar o legado do Centro Galego de Bos Aires, “para que o legado permaneza unido e non sexa obxecto de ningunha transacción mercantil”, precisou.
Por último, ambos comentaron a situación dalgunhas infraestruturas culturais que dependen do Goberno central en Vigo e en Ourense.
Respecto á Biblioteca de Vigo, Feijóo reiterou o ofrecemento dos actuais edificios xudiciais da cidade para o seu emprazamento, como a mellor maneira de garantir que este proxecto se poida executar no menor prazo posible. Unha oferta que será avaliada polos técnicos do Ministerio.
E, sobre a Biblioteca de Ourense e o Arquivo, Feijóo confirmou a inmediata licitación dos equipamentos de ambas infraestruturas, xa finalizadas, co obxectivo de que nos primeiros meses de 2019 se poidan inaugurar. “Do mesmo xeito que no primeiro trimestre de 2019 se poderá iniciar a obra do Museo Arqueolóxico, coa previsión de rematala en 2021”.
- Te recomendamos -