Explica que esta actuación incidirá na comodidade, na velocidade dos percorridos e na seguridade, coa eliminación dos pasos a nivel
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a nova conexión ferroviaria que comeza a desenvolverse entre Lugo, Monforte de Lemos e Ourense, a través dunha folla de ruta coñecida esta mañá en detalle, reflicte o compromiso real, con prazos e con orzamentos concretos, coa chegada da alta velocidade ferroviaria a Lugo, a través dun investimento de máis de 1000 millóns de euros.“Estamos a falar dunha completa planificación que acredita a realidade con proxectos tecnicamente definidos e obras valoradas e recollidas en orzamentos que aseguran a súa viabilidade máis alá do papel”, aseverou. É sobre todo un compromiso palpable, un tren en marcha que circula xa a través da variante da Pobra de San Xiao de Láncara e que supón o pistoletazo de saída á renovación da liña de ferrocarril entre Lugo e Ourense, explicou, engadindo que esta actuación incidirá na comodidade, na velocidade dos percorridos e na seguridade, coa eliminación dos pasos a nivel.
E confirma, ademais, a vontade de mellorar a conexión con Madrid que comezou xa cun incremento de frecuencias entre Lugo e a capital de España que se traduciu nun aumento de viaxeiros de case do 40%.
Cohesión territorial da Galicia interiorDurante a presentación da conexión ferroviaria, Feijóo incidiu en que estender ata a provincia e a cidade de Lugo os beneficios do AVE, a través dunha liña actual e competitiva supón, tamén, un novo paso no obxectivo da cohesión territorial da Galicia interior.
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta recordou que con ese obxectivo da Galicia global, “tan unida por dentro ben conectado por fóra”, os gobernos central e galego están a traballar conxuntamente para impulsar melloras na rede viaria tan importantes como: a Autovía do Cantábrico, en vías xa de solucionar os problemas derivados da néboa no Alto do Fiouco; ou a Autovía Santiago-Lugo que ten xa todos os seus treitos en obras ou en servizo; a vía de altas prestacións entre Lugo e Sarria, en cuxo desdobramento xa se empezou a executar; ou a conexión entre Celeiro e San Cibrao que continúa a desenvolverse na Mariña, agora coa súa extensión ata Viveiro.
Un conxunto de actuacións que certifican un compromiso coas comunicación desta provincia que debe continuar para garantir unha óptima conexión entre Lugo e Ourense tamén por estrada, como acontecerá coas actuacións anunciadas na estrada N-540.
Feijóo concluíu avanzando que, en canto o Goberno local de Lugo traslade a súa conformidade, se subscribirá o convenio para, entre as tres administracións, impulsar conxuntamente a estación intermodal que situará esta cidade nas mellores condicións para conectarse coa alta velocidade.
- Te recomendamos -