Inicio Galicia Feijóo salienta o orgullo de vivir nunha democracia que dobregou o terrorismo...

Feijóo salienta o orgullo de vivir nunha democracia que dobregou o terrorismo de ETA coas armas da lei

0

Lembra que poucas democracias modernas se viron sometidas a un asedio tan terrible, “e poucas reaccionaron como a nosa: serenamente, sen menoscabo das liberdades e sen estender o repudio aos criminais ao pobo que dicían representar”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o orgullo por vivir nunha democracia que dobregou o terrorismo de ETA coas armas da lei.

Durante a inauguración da exposición Temos memoria. Vítimas do terrorismo en Galicia, con motivo do 50º aniversario do asasinato de José Antonio Pardines Arcay e organizada polo Centro Memorial das Vítimas do Terrorismo e pola Fundación Vítimas do Terrorismo, o titular da Xunta lembrou que poucas democracias modernas se viron sometidas a un asedio tan terrible, “e poucas reaccionaron como a nosa: serenamente, sen menoscabo das liberdades e sen estender o repudio aos criminais ao pobo que dicían representar”.

Nesta liña, aseverou que coa execución de José Antonio Pardines se iniciou unha cruzada contra os demócratas españois. “E, agora, vimos a recordalo e a dicir que a convivencia e a liberdade prevaleceu”, abundou, facendo fincapé en que as circunstancias do seu asasinato nos ensinan a que extremos pode levar unha ideoloxía criminal.

Feijóo afirmou que a Pardines non só o mataron os que premeron o gatillo, tamén foron cómplices os que estenderon o odio, os que xustificaron o crime, os que apoiaron o fanatismo e os que viron no terrorismo algo ao que se lle pode quitar relevancia. “Detrás dos criminais houbo un fanatismo patolóxico que primeiro permitía matar, que despois obrigaba a matar e que finalmente só sabía matar”, sentenciou.

O presidente da Xunta concluíu asegurando que a democracia española pasou páxina, pero iso non implica esquecemento. “É humanamente imposible cando falamos de 3.500 atentados, de 853 vítimas mortais, de máis de 2.500 feridos, de 90 secuestros, de máis de 15.600 persoas ameazadas e dun número indeterminado de persoas extorsionadas e damnificadas economicamente”, dixo.


- Te recomendamos -