Inicio Galicia Feijóo reunirase co presidente de Asturias esta semana para actuar de forma...

Feijóo reunirase co presidente de Asturias esta semana para actuar de forma coordinada na defensa dos traballadores de Alcoa na Coruña e Avilés

0

Tanto a Xunta como o Principado de Asturias xa se puxeron en contacto co Ministerio de Industria e co Ministerio para a Transición Ecolóxica para coñecer as propostas que se contemplan neste asunto

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reunirase esta semana co presidente do Principado de Asturias, Javier Fernández, para actuar de forma coordinada na defensa dos traballadores de Alcoa na Coruña e Avilés tras coñecerse a intención da empresa de pechar estas dúas factorías.

Durante unha conversa telefónica que ambos os dous presidentes autonómicos mantiveron esta mañá, concretaron un encontro no que avaliarán unha folla de ruta conxunta para afrontar esta situación e solicitarán a implicación do Goberno central para tentar que a multinacional reconsidere a súa posición.

Neste senso, Feijóo destacou que, aínda que é certo que o prezo da enerxía en España prexudica a competitividade das empresas electrointensivas, ao longo dos últimos anos sempre se atopou unha solución. Por exemplo, os Presupostos Xerais do Estado de 2018 inclúen unha partida para este tipo de empresas electrointensivas, entre elas Alcoa, co obxectivo de que poidan compensar os resultados da poxa de 2018.

O presidente da Xunta destacou que tanto o conselleiro de Economía como o seu homólogo do Principado de Asturias xa se puxeron en contacto co Ministerio de Industria e co Ministerio para a Transición Ecolóxica para coñecer as propostas que se contemplan neste asunto, e que se está pendente da súa resposta.

O titular do Goberno galego insistiu en que “é unha mala noticia para Galicia e para Asturias e tamén para España” e recordou que o Goberno galego segue a defender unha reforma seria do sistema eléctrico para garantir a competitividade e o futuro da industria e dos empregos asociados. Neste sentido, puxo de manifesto que o actual Goberno central segue sen establecer o mecanismo que empregará o ano que vén para o sistema de interrompibilidade.

En consecuencia, e ante a decisión comunicada por Alcoa, considerou que se debe avaliar este asunto de forma urxente entre as distintas administracións para velar de xeito prioritario polos intereses dos traballadores destas plantas.  


- Te recomendamos -