Inicio Galicia Feijóo pon en valor a cobertura de vacinación que rexistra Galicia reflectida...

Feijóo pon en valor a cobertura de vacinación que rexistra Galicia reflectida na campaña da vacina da gripe que, no que vai de ano, chegou xa a 420.000 persoas

0

Destaca o prestixio e a adherencia que presenta o Programa galego de vacinación e incide en que a primovacinación se mantén desde hai anos en cifras superiores ao 95%


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, puxo en valor hoxe a cobertura de vacinación que rexistra a Comunidade, reflectida, a modo de exemplo, na vacina da gripe que, tras catro semanas de campaña, chegou xa a 420.000 persoas.

Así mesmo, destacou que a cobertura desta vacina na poboación de maiores de 65 anos supera nun 45% á da campaña pasada, con 4.000 vacinados, neste momento; tamén mellora a cobertura en embarazadas, superando en 200 a cifra total do pasado ano, cando aínda quedan seis semanas para o remate da campaña. E a cobertura en persoal sanitario supera a cifra global de 2017, cun 23% máis que o pasado ano a estas alturas da campaña.

Durante o acto de inauguración do IX Obradoiro Interactivo Infectolóxico “Típico IX”, Feijóo destacou o prestixio e a adherencia que presenta o Programa galego de vacinación. Non en van, a primovacinación mantense desde hai anos en cifras superiores ao 95%; a dose de reforzo, por riba do 92%; e incluso a vacinación dos adolescentes mantense en cifras superiores á media de España.

Leer más:  La primera semana de octubre, Juan Carlos I, Felipe VI y Leonor se encontrarán en distintas ubicaciones de la ría de Pontevedra

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta salientou que o compromiso do Goberno galego con este programa se reflicte tamén nos orzamentos, lembrando que disporá de tres millóns de euros máis nos presupostos de 2019, para reforzar e innovar nas súas políticas de vacinación. “E reflíctese, ademais, na aposta polas novas tecnoloxías, coa aplicación de vacinas VacGal, que permite acceder desde o móbil a toda a historia vacinal que aparece nos rexistros do Programa galego de vacinación”, engadiu.

Logo de lembrar que Galicia foi pioneira tamén na integración das vacinas antineumocócica e antimeningocócica na súa política de vacinación, Feijóo aseverou que a Comunidade galega é unha das comunidades máis comprometidas coa vacinación “e queremos seguir séndoo”.

Para concluír, cualificou de excelente noticia para a sanidade galega a consideración do Hospital Clínico de Santiago como centro colaborador da Organización Mundial da Saúde (OMS) para a seguridade das vacinas.


- Te recomendamos -