Asevera que a Xunta, manterá o mesmo nivel de lealdade e exixencia que xa tiña co anterior Executivo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe, novamente, a Javier Losada que non sexa só o delegado do Goberno en Galicia senón tamén “que a Delegación sexa a Delegación de Galicia no Goberno”.
Pola súa banda, Feijóo aseverou que a Xunta, manterá o mesmo nivel de lealdade e exixencia que xa tiña co anterior Executivo, porque a cohabitación é perfectamente posible facendo prevalecer os intereses dos galegos.
Ao respecto, destacou a necesidade de que a resposta ao desafío demográfico se siga considerando prioritaria, reiterando a aposta por un sistema de financiamento autonómico baseado nos principios de equidade e de poboación axustada. “E falamos tamén do Xacobeo 2021, un fito no que o Goberno de España debe estar”, dixo trasladando a importancia de que este sexa coprotagonista na organización do ano santo.
Como terceiro asunto, Feijóo destacou o compromiso da chegada do AVE en probas a Galicia a finais de 2019 e falou da necesidade de respectar a palabra e os prazos dados, que encaixan desde o punto de vista técnico, cos informes de Adif. “Falamos deste tren de acordo cos propios datos de Adif, presentados hai un mes e medio en Lugo; do AVE Lugo-Ourense; do acurtamento do AVE entre Vigo e Ourense pola variante de Cerdedo e da adecuación das vías do tramo A Coruña- Ferrol para que sexa un tren competitivo”. E referiuse, así mesmo, ao financiamento da liña ferroviaria a punta Langosteira, que xa se acordara co anterior Goberno e á transferencia da autoestrada do atlántico reclamada unanimemente polo Parlamento galego.
Solicitude da implicación do Goberno central tras a explosión pirotécnica en TuiO presidente da Xunta solicitou, ademais, a implicación do Goberno central para solucionar os danos producidos tras a explosión pirotécnica ocorrida no concello de Tui.
Logo de subliñar que a Xunta activou as liñas máis importantes de axudas, Feijóo recordou que o seguimento, control e inspección das instalacións pirotécnicas son competencia do Estado; “ e, polo tanto, entendemos que o Estado debe cofinanciar xunto coa Comunidade Autónoma, a Deputación de Pontevedra e o propio Concello todos os danos producidos”.
Nesta liña, avanzou que no Consello de mañá o Executivo autonómico levará varias ordes para que toda a política de axudas e incentivos da Xunta estea en marcha de forma inmediata. Non en van, as axudas, tanto para alugueiros como realoxos e rehabilitacións xa se están a pagar de acordo coas solicitudes recibidas.
Por último, o presidente da Xunta, abordou tamén co delegado do Goberno a petición de reforzar a Policía Autonómica.
Tras a noticia onte do seu falecemento, Feijóo aproveitou o encontro para facer unha mención especial a Miguel Cortizo, “político, deputado e delegado do Goberno en Galicia; en definitiva, un servidor público, que sempre apostou por Galicia e polo Estado de dereito”.
- Te recomendamos -