“A autonomía que hoxe Galicia exerce e desfruta, non se conquista contra España, senón con España e en España”, di, facendo fincapé en que a España constitucional se fai garante da Galicia autonómica
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe a dobre conquista que representa a Constitución para os galegos que, como individuos, se converten en cidadáns e Galicia, como entidade colectiva, ten un camiño aberto cara ao seu autogoberno. “A autonomía que hoxe Galicia exerce e desfruta, non se conquista contra España, senón con España e en España. A España constitucional faise garante da Galicia autonómica, e a democracia española configúrase como algo plural e diverso”, dixo, incidindo en que este encaixe de afectos e legalidades non supón algo estraño para unha idiosincrasia como a nosa, habituada a sumar identidades para así multiplicar a forza do país.
Durante a clausura das xornadas con motivo do 40 Aniversario da Constitución Española: Galicia, o longo camiño cara ao autogoberno- análise dos 40 anos de Constitución Española desde a perspectiva de Galicia, Feijóo lembrou que a Carta Magna de 1978 será un espello no que se miren moitas democracias incipientes. Non só pola textualidade do seu articulado, senón sobre todo pola capacidade de acordo de políticas e políticos que procedían de fondos antagonismos.“Os negros agoiros en torno ao cainismo hispano, que tanto propagara a ditadura, víronse desmentidos nun momento histórico que o paso do tempo engrandece aínda máis”, aseverou, referíndose tamén ao terceiro vértice do trinomio democrático que acompaña a liberdade e a igualdade: a fraternidade.
Ao respecto, recordou que así como moitas revolucións se frustran debido a que os seus actores esquecen a fraternidade, no caso español os lazos fraternos que se tecen entre os constituíntes explica a consecución dun texto que non é de partido, senón que quere ser un espazo común.
Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno galego expresou tamén a admiración pola transición galega, onde “os seus arquitectos” teñen que traballar na obra xeral da democracia española, erguendo simultaneamente un autogoberno do que non existía precedente algún. “Houbo Pactos da Moncloa e houbo igualmente un Pacto do Hostal que soubo crear a forza democrática suficiente para evitar que a autonomía galega sufrise agravios”, recordou, subliñando que os cofundadores do autogoberno – Xosé Luís Barreiro, José Rivas Fontán, Francisco Vázquez, Luís Sobrado e Carlos Barros, entre outros- souberon estar á altura da historia e da sociedade galega daquel momento.
Logo de precisar que a aqueles cofundadores habería que unir, en xustiza, o primeiro presidente da Galicia autónoma, Xerardo Fernández Albor, o responsable do Executivo autonómico incidiu en que a España das autonomías e o autogoberno galego son dous grandes éxitos colectivos lexitimados, sobre todo, pola capacidade para xestionar a diversidade, os equilibrios territoriais e unha xustiza na asignación de recursos que ás veces se denomina, impropiamente, solidariedade.
Feijóo concluíu sostendo que os problemas de convivencia e a perda de calidade democrática fan erupción cando os valores constitucionais e autonómicos se esquecen. “O problema non estriba na Constitución nin nos Estatutos de Autonomía”, precisou, subliñando que a resposta é reafirmalos e rescatar con eles o estilo político de políticos como os que fixeron posible o Pacto do Hostal e os Pactos da Moncloa.
Deste xeito, afirmou que mal antídoto contra os que se alzan contra a Constitución das autonomías, sería converter en chibos expiatorios a autogobernos que teñen demostrado eficacia, solvencia e fidelidade ao proxecto nacional común. “Os procesos independentistas non teñen a súa orixe no autonomismo; son, pola contra, un desafío á España que é democrática por ser plural, e que é plural por ser democrática”, abundou.
Así mesmo, aseverou que mala terapéutica sería tamén desvirtuar o Estado das Autonomías mediante unha arbitraria asignación de privilexios, aínda que se agochasen baixo unha inocente xeometría. “E moito menos debe haber condescendencia con aqueles que desafían a nosa democracia”, aseverou, tras o visto nas últimas horas, ao tempo que pediu que “o Goberno non disfrace de convivencia o que é mera conivencia”.
- Te recomendamos -