Inicio Galicia Feijóo destaca que a fase da obra de ampliación do Hospital público...

Feijóo destaca que a fase da obra de ampliación do Hospital público da Mariña permite aumentar 6.000 metros cadrados a súa superficie, un 33% máis

0

Precisa que o investimento desta primeira fase chegará aos 10,5 millóns de euros, ademais dos dous millóns de euros destinados a equipamento


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que a fase da obra de ampliación do Hospital Público da Mariña permite aumentar 6.000 metros cadrados a súa superficie sobre os 17.600 xa existentes, un 33% máis.

Logo de lembrar que tras a ampliación da carteira de servizos o obxectivo era dotar este hospital público dunhas instalacións con espazos amplos e cómodos tanto para os pacientes como para os traballadores, Feijóo precisou que o investimento desta primeira fase chegará aos 10,5 millóns de euros, ademais dos dous millóns de euros destinados a equipamento.“Durante a primeira quincena de decembro realizarase o traslado e as obras da seguinte fase iniciaranse antes de que remate o ano”, avanzou, subliñando que cando a segunda fase estea rematada e entregada, no verán de 2019, a capacidade de hospitalización se verá incrementada un 11,5%.

Durante unha visita ás novas instalacións, o responsable do Goberno galego aseverou que con esta primeira obra o hospital consegue mellores espazos asistenciais destinados á hospitalización das áreas cirúrxicas. Ademais da mellora no espazo do hospital de día onco-hematolóxico, que pasará de dispoñer 120 a 270 metros cadrados para albergar os 13 postos de tratamento.“Haberá tamén unha nova zona de consultas externas onde estarán situados os 33 locais de consultas externas, dúas salas de endoscopias dixestivas, unha sala de técnicas cirúrxicas ambulatorias e un gabinete para cardioloxía. A nova área de oftalmoloxía conta con 10 locais con aparellaxe completamente renovado, moderno e con novas prestacións. E grazas a esta reforma a Farmacia estará dotada con modernos medios electrónicos para almacenamento e mellores instalacións para atender os pacientes”, explicou, ao que tempo que engadiu que o proxecto de ampliación inclúe a dotación dun novo aparcamento con 230 prazas en dúas plantas.

En relación á fase da obra pendente, resaltou que se remodelará a actual hospitalización das áreas cirúrxicas, a reforma de diálise e do hospital de día médico. E tamén se crearán novos locais de consultas externas e gabinetes de exploracións e reformarase toda a área administrativa.

O responsable autonómico afirmou que esta obra contribuirá a mellorar aínda máis a calidade do servizo deste hospital público. Un servizo que mellorou nos últimos anos. Non en van, a espera cirúrxica reduciuse á metade; e a de consultas externas pasou de 41 a 34 días de media.

Nesta mesma liña recordou que desde 2012 a carteira de servizos do hospital se incrementou de forma notable: con tres equipos HADO-Paliativos que xa atenderon, desde o inicio en 2014, 633 pacientes; coa unidade de retina de oftalmoloxía que evita desprazamentos a Lugo para recibir tratamentos mensuais; co hospital de día onco-hematolóxico, que permite, desde 2015, tratar os pacientes que antes tiñan que desprazarse a Lugo ou á Coruña, e que só en 2017 administrou 4.753 tratamentos.

O presidente da Xunta quixo destacar unha vez máis o labor das mulleres e homes que cada día traballan para facer mellor o Servizo Galego de Saúde, e cuxa profesionalidade fai posible que, segundo os últimos datos do barómetro sanitario referidos a 2017, os galegos outorguen á Sanidade pública da Comunidade a mellor nota desde que hai rexistros.

Feijóo concluíu resaltando que, se ben o hospital é un eixo de actuación prioritario para a Xunta na Mariña, non é o único obxectivo para a zona como pon de manifesto a nova escola infantil pública dos Castros ou a aposta polas infraestruturas como o novo acceso ao porto de Burela.


- Te recomendamos -