Destaca o labor da Policía da Autonómica na loita contra a violencia de xénero, “unha lacra que hai que erradicar”
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o traballo e a profesionalidade da Policía Autonómica en eidos tan importantes como a loita contra a violencia de xénero, “unha lacra que hai que erradicar”, os incendios forestais, o furtivismo e os delitos contra o medio.
Durante o acto de toma de posesión do novo comisario xefe do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, Feijóo trasladou os mellores desexos ao comisario saínte, Silverio Blanco, e deu a benvida a Fernando Pico López, a quen lle transmitiu o desexo de todos os galegos de que este corpo siga sendo tan efectivo como ata agora, contribuíndo á seguridade e ao benestar na Comunidade.
Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego referiuse á especialización como un dos elementos clave que xustifica a existencia desta unidade e sobre a que se sustentan os seus éxitos.
Así mesmo, aproveitou este acto para facer fincapé na importancia da coordinación entre a Policía Nacional, a Garda Civil e a Unidade da Policía Nacional Adscrita a Galicia, en eidos como a loita contra os lumes: “Pido a maior coordinación e o maior compromiso nos labores de investigación, seguimento e detención dos incendiarios”, dixo, destacando tamén o traballo conxunto das máis de 7000 persoas que, ano tras ano, traballan nos bosques galegos na loita contra os incendios.
Nesta mesma liña, apelou tamén ao compromiso como sociedade para identificar e denunciar calquera actuación sospeitosa e poñela en coñecemento dos corpos e forzas de seguridade do Estado.
- Te recomendamos -