Subliña que o Goberno galego seguirá impulsando un urbanismo que favoreza o crecemento ordenado, que respecte o medio e a paisaxe e que contribúa á vertebración territorial
O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o Plan Básico Autonómico, que será aprobado a finais do mes de xullo, e a Lei de ordenación do territorio, cuxa tramitación comezará nas vindeiras semanas, como elemento clave para facer de Galicia unha das comunidades coa lexislación territorial máis avanzada.
Durante a inauguración do IV Congreso da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, Disciplina urbanística: cuestións de actualidade e debate, Feijóo lembrou que baixo a tripla premisa de impulsar un urbanismo que favoreza o crecemento ordenado, que respecte o medio e a paisaxe e que contribúa á vertebración territorial, Galicia fixo unha aposta moi importante por actualizar e mellorar o seu marco normativo urbanístico, elaborando documentos tan importantes como: as Directrices de ordenación do territorio; o Plan de ordenación do litoral; a nova Lei do solo; a Lei de medidas urxentes; a Estratexia da paisaxe galega; o Catálogo das paisaxes, que divide o territorio en 12 grandes áreas; ou a Guía de cores e materiais.
Así mesmo, referiuse ao Plan básico autonómico, que identificará os 38.000 asentamentos de poboación de Galicia e porá ao servizo da cartografía da Comunidade máis de 43.000 planos, que recollen todas as afeccións sectoriais, desde as costas e as augas aos elementos patrimoniais, pasando polas infraestruturas de transporte e as vías de comunicación; ademais de incluír a normativa aplicable nos diferentes casos.
Un plan que substituirá unhas normas provinciais que teñen xa 27 anos e que beneficiará os 49 concellos que se rexen por estas normas e aos 170 municipios suxeitos a normas subsidiarias municipais ou PXOM non adaptados á nova Lei do solo. E, sobre a súa base asentaranse os futuros plans básicos municipais que, coa previsión de que estean listos antes de que remate 2019, beneficiarán os 49 concellos de menos de 5000 habitantes que non teñen planeamento xeral. “En definitiva, o Plan básico autonómico beneficiará máis de 270 concellos que contarán con esta ferramenta” abundou.
Sobre a Lei de ordenación do territorio, cuxa aprobación está prevista tamén no vindeiro ano, Feijóo incidiu en que este documento porá á Comunidade á vangarda a nivel nacional en canto á seguridade xurídica dos instrumentos de ordenación supramunicipais. “Teremos a lexislación territorial máis avanzada de España xunto a Aragón e a Cataluña”, dixo, asegurando que con todos os avances urbanísticos, o Goberno galego aspira: a que non haxa ningún concello sen PXOM, “desde 2009, triplicouse o número de concellos que contan con este instrumento, pasando de 33 a 98”; a avanzar no desenvolvemento ordenado e sustentable do rural; e a protexer a paisaxe.
Feijóo concluíu destacando o traballo da Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística que, o pasado ano, realizou máis de 1250 inspeccións con carácter preventivo, e bateu o récord histórico de verificacións de reposición da legalidade, con máis de 205 actuacións, máis do cuádruplo que en 2009.
En relación á APLU, subliñou ademais dúas novidades que se implantan este ano: a axencia asume as competencias delegadas de disciplina en todo tipo de infraccións, non só nas suxeitas a licenza, senón tamén nas que requiren só comunicación previa; así como a competencia de resolver os recursos administrativos de reposición, sempre que o Concello estea de acordo.
- Te recomendamos -