Subliña que Galicia conta cos mellores datos de descarga de peixes e mariscos de toda a serie histórica
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o peso dos sectores marítimo-pesqueiro e naval en Galicia a apostou por seguir traballando cos profesionais de ambas as dúas áreas para afrontar os novos retos.
No acto de clausura da xornada ‘La renovación de la flota y el futuro del sector naval en Galicia’, organizada por Faro de Vigo en colaboración con Abanca, o titular da Xunta defendeu a necesidade de analizar a situación de ambos os dous sectores mediante as lentes dos datos.
Así pois, subliñou que Galicia conta cos mellores datos de descarga de peixes e mariscos de toda a serie histórica. En concreto, lembrou que a nosa Comunidade se atopa un 27% por riba da media histórica de desembarques e un 18, en facturación.
Así mesmo, referiuse a outra importante actividade, a acuicultura, que alcanza os mellores resultados económicos desde 2009 cunha facturación superior, sinalou, aos 207 millóns de euros. De feito, explicou que, desde esta data, rexistra un incremento do 20% en facturación e de máis do 15% en volume de produción.
Pero ademais, o presidente fixo fincapé na transformación e comercialización dos produtos do mar da nosa terra, que presentan cifras á alza: a súa facturación medrou preto dun 6,5%.
Todo isto conseguiuse, segundo Feijóo, “mantendo co sector posicións comúns ante situacións complexas” e traballando en tres obxectivos: conseguir unha maior produción nas nosas costas, pero sempre de maneira sostida e sustentable; obter unha mellor produción acuícola, cultivando o mar con maior produción e menor impacto; e facer máis competitiva a nosa estrutura transformadora, é dicir, vender mellor.
A este respecto, destacou varios datos: as cotas globais para España nas augas do Cantábrico e Noroeste e Gran Sol e Francia medraron un 80% desde 2009; os bateeiros foron os destinatarios de arredor do 80% dos fondos dedicada á acuicultura; puxéronse máis de 350 millóns de euros desde 2009 ata 2015 á disposición do sector transformador para mellorar as estruturas da cadea mar-industria; e preto de 96 millóns para o período 2016-2020, incrementouse o valor engadido aos produtos do mar transformados, pasando de 3,5 euros por quilo a case 5 na actualidade.
A continuación, referiuse ao emprego neste sector e salientou que as afiliacións ao Réxime Especial do Mar, nos últimos dous anos, incrementáronse un 6 %.
Retos aos que se enfronta o sectorPero ademais dos datos, o presidente non esqueceu os restos aos que se enfronta o sector pesqueiro: a asignación de cotas e a eliminación de descartes, o brexit e os novos regulamentos europeos. E apostou por afrontalos unidos, traballando conxuntamente co sector.
Neste sentido, puxo como exemplo a Vigo e aseverou que esta cidade suma cando aposta por construír novos buques de pesca, como os que faenarán en Malvinas para empresas viguesas, cando propón un modelo de comercialización transparente e loxisticamente avanzado, como a proposta de facer do Berbés a lonxa 4.0; ou cando incrementa o seu potencial de escaparate comercial dos produtos do mar con iniciativas como a feira Conxemar.
Feijóo tamén salientou o peso do sector naval na nosa Comunidade, con preto de 38.500 traballadores asociados a este sector e á industria auxiliar, un 6% máis de afiliacións á Seguridade Social que hai un ano.
Así mesmo, subliñou que a carteira de pedidos en vigor nos estaleiros galegos suma 27 buques dun total de 64 contratos en España, é dicir, un 42%. “O primeiro semestre do ano, os estaleiros galegos conseguiron 9 novos contratos, triplicando os obtidos polo resto de autonomías. E, o máis importante, todos eles teñen carga de traballo contratada”, afirmou.
Carga de traballo no navalEn total, continuou o presidente, a carga de traballo en carteira ou noutros estadios finais de negociación no conxunto dos estaleiros galegos suma un total de 3.317,9 millóns de euros.
Pero para seguir mantendo estas cifras, explicou, é preciso seguir apostando pola formación. A este respecto, referiuse aos plans de formación da Xunta, que permitiron cualificar a preto de 1.400 traballadores de naval cun investimento próximo aos 6 millóns de euros.
Pero ademais, concluíu, o Goberno galego puxo en marcha o pasado ano un plan de formación específico para o naval dotado de 12 millóns de euros, que se está a desenvolver nestes momentos.
- Te recomendamos -