Asevera que a Comunidade está a dar o gran salto á medicina personalizada, ao tempo que conta con modernas infraestruturas hospitalarias, como proba a Lei de garantías de prestacións sanitarias
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o esforzo colectivo que fai posible unha sanidade pública galega cada vez máis moderna e que sitúa ao paciente no centro da Galicia do benestar. Así o expresou o máximo responsable autonómico, no acto de nomeamento como académico numerario da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia do decano da Facultade de Medicina, Julián Álvarez Escudero.
Durante a súa intervención, aseverou que a Comunidade está a dar o gran salto á medicina personalizada, ao tempo que conta con modernas infraestruturas hospitalarias, sen desatender a atención primaria.
Ao respecto, destacou a Lei de garantías de prestacións sanitarias, así como a regulación dos tempos máximos de acceso ás prestacións. E, no que atinxe as aos profesionais sanitarios, lembrou que se melloraron as súas condicións co Plan de estabilidade do emprego e provisión do persoal estatutario do Sergas.
O titular do Goberno galego fixo fincapé, ademais, na importancia do trato persoal entre os profesionais da medicina e os pacientes. Unha idea, lembrou, que se atopa reflectida na figura de Álvarez Escudero, baluarte da medicina humanista que nace e medra na Facultade de Medicina.
Así mesmo, ve no novo académico numerario Álvarez Escudero un exemplo da capacidade da institución universitaria galega para captar talento, “xa que o protagonista desta cerimonia –explicou- é natural de León e traballou na Clínica Puerta de Hierro de Madrid antes de converterse nun galego máis na docencia e no exercicio da medicina”. E puxo en valor que o decano de Medicina ostente a presidencia da Sociedad Española de Anestesiología, Reanimación y Terapéutica del Dolor e presida a Comisión Nacional da Especialidade, “o cal acredita un mérito propio e representa un éxito da medicina galega”.
- Te recomendamos -