Inicio Galicia Feijóo destaca a formación especializada e a rehabilitación como claves para afrontar...

Feijóo destaca a formación especializada e a rehabilitación como claves para afrontar os retos futuros do sector

0

“Estamos a falar da formación como ferramenta para conseguir un sector máis profesional e competitivo, seguro e con capacidade para adaptarse aos novos tempos”, asevera

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a rehabilitación e a formación especializada para estar á vangarda das novas tecnoloxías, dos novos materiais e dos procesos construtivos, como elementos clave para afrontar os retos futuros do sector.

Durante a inauguración do Centro de Formación da Fundación Laboral da Construción en Vilamarín, Feijóo incidiu en que a formación é un investimento que redunda sempre nos mellores beneficios; unha elección que permite tanto ás empresas como aos seus traballadores afrontar con éxito os retos.“Estamos a falar da formación como ferramenta para conseguir un sector máis profesional e competitivo, seguro e con capacidade para adaptarse aos novos tempos”, aseverou, subliñando que este é o ambicioso reto co que naceu esta fundación.

Nese obxectivo, o titular do Goberno galego recordou que estivo acompañada pola Xunta, cunha achega, entre 2009 e 2017 de 23 millóns de euros para a posta en marcha de máis de 500 cursos de formación. E o pasado ano, máis de 1300 traballadores beneficiáronse da oferta formativa que impulsou a Fundación Laboral da Construción co apoio do Administración autonómica.

Así mesmo, subliñou que nesa aposta se enmarca tamén o novo centro que se inaugura hoxe e que dispón dun espazo dedicado á obtención de certificados de profesionalidade, ao manexo de maquinaria de obra pública e, especialmente, á formación dual, co fin de axustar os perfís profesionais ás necesidades reais das empresas.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo galego referiuse ademais ao novo Plan estatal de vivenda 2018-2020. Un plan que, cofinanciado pola Xunta e dotado con 107 millóns de euros, suporá un novo impulso para o sector, coa previsión de xerar un investimento de máis de 250 millóns de euros e contribuír á creación e mantemento de case 11.000 postos de traballo.“E este plan queremos acompañalo coa primeira Lei de rehabilitación que vai ter Galicia”, dixo, precisando que este documento terá como obxectivo a recuperación de 100.000 vivendas na Comunidade, sobre todo nos centros históricos das cidades e no ámbito rural, apostando pola protección do noso patrimonio.

Se ben o sector da construción aínda non alcanzou as cifras anteriores á recesión, Feijóo concluíu afirmando que se atopa no camiño para conseguilo: con catro anos consecutivos de incrementos; cun número de afiliacións que medrou un 3,6% con respecto ao ano anterior; e cun paro que descendeu un 21,6%, converténdose no sector económico que alcanza o maior ritmo de caída do paro interanual en Galicia, nos últimos anos.


- Te recomendamos -