Inicio Galicia Feijóo destaca a aposta pola transformación dos produtos agroalimentarios para crear valor...

Feijóo destaca a aposta pola transformación dos produtos agroalimentarios para crear valor engadido cun investimento da Xunta entre 2016 e 2018 de 80 millóns de euros

0

Subliña tamén a importancia da innovación e lembra que o vindeiro mes de xaneiro se porá en marcha a primeira aceleradora galega do sector da alimentación

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aposta pola transformación dos produtos alimentarios para crear valor engadido, cun investimento da Xunta entre 2016 e 2018 de 80 millóns de euros, unha parte importante para apoiar iniciativas vinculadas ao sector lácteo, un dos sectores estratéxicos da Comunidade. E cunha mobilización total de 230 millóns en investimentos.

Durante a entrega de premios da XXI edición de Catas dos Queixos de Galicia e da XVII edición de Catas dos Meles de Galicia, Feijóo referiuse á gran planta de transformación que está construíndo Inleit en Curtis; á nova liña de produción de queixos de Entrepinares en Vilalba; e á ampliación da planta de Leche Celta en Pontedeume para elaborar leite pasteurizado, como tres exemplos nos cales mirarse, que confiaron na transformación da materia prima, no feito de que maior valor engadido equivale a maior prezo e maior facturación.

Así mesmo, subliñou tamén a importancia da innovación, ao lembrar que o vindeiro mes de xaneiro se porá en marcha a primeira aceleradora galega do sector da alimentación. Unha nova Business Factory para acelerar e consolidar ás compañías innovadoras neste sector, baixo o obxectivo de: captar e reter talento, fortalecer o posicionamento dos produtos alimentarios, e incrementar a proxección internacional dos produtos.“Estamos a falar dunha nova aceleradora que contará con tres edicións e coa previsión de mobilizar arredor de 6 millóns de euros ata 2021, impulsar 26 iniciativas e xerar arredor de 60 empregos”, engadiu, resaltando tamén a creación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria para promover e protexer a calidade diferencial dos produtos alimentarios amparados baixo estes indicativos; así como da Área de Calidade Alimentaria específica con rango de subdirección, que terá como obxectivo ser o interlocutor permanente coas denominacións de orixe e indicacións xeográficas, para garantir a calidade diferenciada das producións agroalimentarias, a formación das persoas que traballan neste ámbito e a investigación ligada ao produto.

Todos eles instrumentos para seguir poñendo en valor o carácter singular dos produtos que conforman as 33 denominacións de orixe e indicacións xeográficas do sector, ás que hai que engadir as producións ecolóxicas certificadas na Comunidade.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta destacou o valor total da produción certificada, superior aos 400 millóns de euros, dos cales preto do 10% corresponden a queixos e meles. E o número de produtores en activo, que chega aos 23.000.

Nesta mesma liña, recordou que do volume total de produción de mel certificado en España, a Comunidade galega representa máis do 64%, grazas á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. Non en van, só o pasado ano, esta indicación alcanzou un valor económico superior aos dous millóns de euros, mentres que as catro denominacións de orixe queixeiras superaron os 34 millóns, situándose tanto o Arzúa-Ulloa como o Queixo de Tetilla nas primeiras posicións do ránking de queixos nacionais: por produto comercializado atópanse no segundo e cuarto posto, respectivamente; mentres que por valor económico se sitúan no segundo e no quinto, respectivamente.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, felicitou aos premiados nesta edición das catas e fixo fincapé na excelencia dos queixos e dos meles de Galicia, enxalzando, en xeral, a extraordinaria calidade dos produtos agroalimentarios galegos. E sinalou que estes, xunto cos gañadores e todos os participantes, son os verdadeiros protagonistas neste acto.


- Te recomendamos -