Inicio Galicia Feijóo destaca a apertura hoxe mesmo do prazo para participar no programa...

Feijóo destaca a apertura hoxe mesmo do prazo para participar no programa das unidades formativas en empresas

0

Afirma que se trata dun programa co que se financia a formación á carta nos centros de traballo, é dicir, formación para traballadores ou desempregados adaptada ás necesidades de cada empresa, derivadas do novo contexto dixital

Oleiros (A Coruña), 5 de xullo de 2018.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a apertura hoxe mesmo do prazo para participar no programa das unidades formativas en empresas, “o programa de formación co que financiamos a formación á carta nos centros de traballo, é dicir, a formación para traballadores en activo ou desempregados adaptada ás necesidades de cada empresa”. Durante o acto de entrega do XI Premio Liderado Empresarial da Confederación de Empresarios da Coruña, Feijóo aseverou que con estas unidades a Xunta e as empresas están a impulsar un modelo de colaboración público-privada para identificar conxuntamente cal é o emprego que vén, para que a industria galega dispoña de man de obra cualificada sen que se produza unha fenda xeracional pola irrupción das novas tecnoloxías.

Así mesmo, referiuse á innovación, á formación e á internacionalización como a fórmula da competitividade para adaptarse á Industria 4.0. E animou aos emprendedores a dar o salto dixital, diversificar as súas liñas de negocio e apostar pola innovación para estar presentes nun mercado cada vez máis global e en continua evolución.

Baixo este obxectivo, lembrou o compromiso do Goberno galego co impulso dun modelo económico que pase pola eliminación das trabas innecesarias aos emprendedores.

Nesta liña, salientou que Galicia segue reducindo o paro, a un ritmo do 10,33% entre xuño de 2017 e xuño de 2018, o maior descenso desde 1999; segue creando emprego, con máis de 26.600 afiliados á Seguridade Social por riba do ano pasado; e segue ampliando o mellor ciclo exportador da súa historia. E a economía galega segue medrando no seu conxunto e, por décimo trimestre consecutivo, faino a unha taxa igual ou superior ao 3% (no primeiro trimestre deste ano, un 3,1%).

Así mesmo, nos primeiros cinco meses do ano, a Comunidade galega é a autonomía onde máis medra a produción industrial: un 10,4 %, catro veces máis ca a media española. E o sector servizos consolídase como un dos motores da nosa economía.

Con respecto ao premio, Feijóo afirmou que demostra que a Marca Galicia destaca en sectores moi diversos como proba o galardoado José González Fuentes, cuxa traxectoria profesional á fronte do Grupo Luckia, ten demostrado esa capacidade para anticiparse ao cambio e interpretalo como unha oportunidade.“O premiado pertence a ese grupo de persoas que fan que as cousas pasen: porque non está falto de iniciativa. Iniciativa para fundar o Grupo Luckia, que neste momento está entre as compañías líderes no sector do xogo en España; e para expandir este grupo, que dá emprego a máis de 2.500 persoas, ata América Latina, Portugal, Croacia ou Malta”, dixo. 


- Te recomendamos -