“A demografía é un dos problemas estruturais de Europa e temos que implicarnos todas as administracións”, asevera, expresando a necesidade de políticas inmigratorias e fiscais intelixentes
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, demandou hoxe que todas as administracións se impliquen nunha política demográfica coordinada, ambiciosa e de longo prazo. “A evolución demográfica de Europa non entende de fronteiras rexionais nin nacionais e as políticas públicas que se adopten non deben planificarse marcándose como horizonte unha ou varias lexislaturas, senón unha ou varias xeracións”, aseverou, incidindo en que as respostas ao reto demográfico deben ser de consenso, transnacionais e ambiciosas.
Durante a súa intervención na conferencia da Comisión SEDEC Europa y el cambio demográfico: un enfoque integrador, sostenible y colectivo, Feijóo lembrou que se trata dun desafío cuxas implicacións afectan a toda a estrutura social do noso continente. “A demografía é un dos problemas estruturais de Europa e temos que implicarnos todas as administracións”, abundou, expresando a necesidade de políticas inmigratorias e fiscais intelixentes. Non en van, a demografía inflúe no crecemento económico; na sustentabilidade do sistema de pensións e de todo o Estado do Benestar; e na cohesión territorial.
Logo de destacar os dous ditames elaborados polo Comité das Rexións – o texto A resposta da UE ao reto demográfico, de 2016 e o ditame O futuro da política de cohesión despois de 2020-, que reflicten o esforzo colectivo e coordinado das rexións por liderar a reflexión sobre a situación demográfica e as súas posibles solucións, Feijóo resaltou a participación de Galicia na creación, a nivel nacional, do Foro de Rexións con Desafíos Demográficos, do que tamén forman parte Aragón, A Rioxa e outras cinco comunidades.
A nivel comunitario, Galicia está presente ademais na Rede Europea de Rexións Afectadas polo Cambio Demográfico, na que se integran unhas 40 rexións de todo o continente. E a Comunidade liderou tamén a iniciativa europea Symbios, cuxo obxectivo é intercambiar coñecementos e métodos para abordar a situación demográfica nun ámbito onde se fai especialmente patente o mundo rural.
Rexuvenecer o campo e apostar pola conciliaciónCo fin de evitar que os europeos que viven no rural se sintan obrigados a trasladarse ás cidades para iniciar un proxecto familiar, o presidente da Xunta avogou por reflexionar sobre tres aspectos. O primeiro deles, sobre a necesidade de garantir a remuda xeracional nas tarefas agrícolas, un obxectivo imprescindible para rexuvenecer o campo.
Ao respecto reivindicou unha Política Agraria Común que centre os pagos nos agricultores en activo e que facilite o acceso dos mozos á agricultura e á gandería profesional.
Como segundo gran reto, referiuse á dotación de infraestruturas tecnolóxicas. Un eido no que Galicia está a traballar estendendo a banda larga á práctica totalidade do seu territorio; e reivindicando, xunto a Aragón, Asturias e Castela e León, que antes do final da década o Goberno central garanta que a metade dos fogares de cada comunidade autónoma teñan acceso a internet de máis de 100 megas, así como que todos os cidadáns, vivan onde vivan, dispoñan dunha cobertura mínima de 30 megas.
Como terceiro aspecto fundamental, Feijóo subliñou a necesidade de apostar pola conciliación. E, sobre este punto, precisou que para paliar a falta de prazas públicas en escolas infantís nos municipios máis pequenos, Galicia puxo en marcha hai dous anos as casas niño, un proxecto piloto que tivo unha excelente acollida. A día de hoxe, están en marcha 46 casas niño en concellos de menos de 5.000 habitantes, co fin de que en 2020 existan recursos de conciliación no 100% dos municipios de Galicia.“Para que Europa logre reverter a tendencia demográfica, é imprescindible que ningún cidadán sinta a obriga de elixir entre a súa vida laboral e a súa vida familiar”, dixo, recordando que, desde 2009, en Galicia as prazas de gardería sostidas con fondos públicos aumentaron un 90%.
Ademais das escolas infantís públicas, concertadas e de entidades sociais, destacou tamén iniciativas como o Bono Concilia, para as familias que non puideron obter unha praza na rede pública; o Bono Coidado, que axuda a contratar un coidador en circunstancias puntuais; e a Tarxeta Benvida, que achega ás familias 100 euros ao mes durante o primeiro ano de vida do pequeno, extensible ata os tres anos para os fogares con rendas máis baixas.“Estas medidas que puxemos en marcha desde Galicia son só un exemplo das moitas iniciativas que se están impulsando en Europa a nivel rexional”, afirmou, incidindo en que unha dinámica demográfica que non entende de fronteiras necesita unha resposta que implique a todos os niveles administrativos.
Diante disto, o presidente da Xunta destacou a importancia de seguir reivindicando, a nivel nacional, que a necesaria reforma do financiamento autonómico teña en conta o avellentamento e a dispersión poboacional de cada comunidade, cualificando de boa noticia a decisión do novo Goberno de manter o Comisionado para o Reto Demográfico.
A nivel comunitario, reclamou que non se sacrifiquen os recursos orzamentarios destinados á demografía no próximo marco financeiro plurianual, “xa que sería desatender un dos retos de máis transcendencia que debe afrontar a Unión Europea”.
Conscientes de que as políticas públicas son só unhas das ferramentas para reverter a tendencia demográfica do continente, Feijóo concluíu expoñendo a necesidade de que o conxunto da sociedade europea impulse tamén un cambio cultural neste eido. Ao respecto, afirmou que encontros como este demostran que en Europa non faltan académicos, técnicos e políticos con ganas de reflexionar, estudar e actuar ante un asunto tan decisivo para o futuro do continente.
- Te recomendamos -