Di que cada unha das tres universidades terá un 30% de representación no Consello, mentres que a Xunta terá o 10% restante
O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Consorcio interuniversitario impulsará a cooperación económica, organizativa, técnica e administrativa entre as universidades galegas. “Aprobamos hoxe unha importante iniciativa que reforzará o Sistema Universitario de Galicia e o fará máis competitivo a nivel nacional e europeo”, dixo, incidindo en que a creación deste consorcio fará máis eficientes as universidades galegas: aforrando custos, fomentando a colaboración e dando unha maior transparencia ao Sistema Universitario de Galicia.
Máis polo miúdo, Feijóo precisou que o Consorcio Interuniversitario terá personalidade xurídica propia e estará adscrito á Universidade de Santiago de Compostela. Cada unha das tres universidades terá un 30% de representación no Consello, mentres que a Xunta terá o 10% restante, xa que as decisións que se tomen entran nas competencias das universidades.
Así mesmo, nesta nova entidade integraranse tres organismos que prestan servizo a todo o Sistema Universitario de Galicia: o Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións de xestión universitaria (Cixug), que se encarga de crear programas informáticos de xestión académica, económica e de investigación; o Consorcio de Bibliotecas Universitarias (Bugalicia), que xestiona de maneira integrada os libros, bases de datos e revistas científicas das tres universidades, de xeito que os profesores, alumnos e investigadores poidan acceder a todo o material, independentemente da súa universidade de orixe, e a Comisión Interuniversitaria de Galicia (Ciug), que organiza as probas de acceso á universidade (actual ABAU, antiga Selectividade) e facilita información e orientación aos estudantes.
Para este 2018, a Xunta achegará máis de 2,5 millóns, unha cantidade similar á que se achegaba por separado para os tres entes que desaparecen e que se prevé manter nos vindeiros anos.
As tres universidades galegas colaborarán, ademais, nos seguintes ámbitos: para fixar os procedementos para que o alumnado acceda ás ensinanzas universitarias oficiais, algo que ata agora facía a Ciug; para coordinar as titulacións que impartan de xeito conxunto varias universidades —de momento, e a maiores dos másters, o único grao interuniversitario é o de Paisaxe, que se comezará a impartir o curso que vén entre as universidades da Coruña e Santiago—; para desenvolver proxectos de colaboración que axuden a ser máis eficaces e eficientes e para adquirir de xeito centralizado ferramentas informáticas e material científico ou bibliográfico, algo que ata agora facía Bugalicia.
Cómpre subliñar que o Consorcio Interuniversitario de Galicia estará rexido por cinco órganos de goberno: a Xunta de goberno, composta por tres representantes de cada universidade e outros dous do Goberno galego; a presidencia, na que rotará cada catro anos un representante de cada unha das universidades; a secretaría, tamén rotatoria e ocupada por un dos membros da xunta de goberno; o consello de dirección, que adoptará as decisións ordinarias de funcionamento e elevará propostas á xunta de goberno; e comisións de goberno para cada unha das grandes áreas do consorcio, coordinadas e dirixidas polos órganos anteriores.
A Xunta de goberno reunirase, como mínimo, dúas veces ao ano e adoptará os seus acordos por maioría cualificada de dous terzos. Será necesaria a unanimidade para adoptar acordos sobre asuntos de especial transcendencia, como: modificacións dos estatutos, acordos de disolución ou separación, incorporación de novas funcións, orzamento, planificación anual de actividades, réxime de goberno e organización do persoal.
- Te recomendamos -