Expresa a importancia de que este plan se converta nunha oportunidade para a modernización dunha flota de máis de 3000 autobuses
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que este mesmo mes de novembro, o Consello da Xunta aprobará as liñas xerais do Plan de transporte público de Galicia, que deseñará a rede de autobús da vindeira década sobre a base dun exhaustivo traballo de campo e dunha análise palmo a palmo da realidade actual territorial da Comunidade, de cara a configurar un transporte público máis útil, máis eficiente e máis sustentable.
Así mesmo, expresou a importancia de que este plan se converta nunha oportunidade para a modernización dunha flota de máis de 3000 autobuses, lembrando que o vindeiro ano 2019 finaliza a vixencia de todas as concesións de transporte regular interurbano da Comunidade. “Queremos que os autocares máis novos, máis accesibles e máis confortables sexan os garantes dunha maior demanda e utilización do transporte público".
Consciente do desafío, Feijóo aseverou que a Xunta seguirá apostando polo diálogo e a cooperación para acadar o éxito neste obxectivo e configurar un sistema de transporte público capaz de responder con eficacia ás necesidades de mobilidade da Galicia, ás portas da terceira década do século XXI.
Unha Galicia que pouco ten que ver coa Galicia de cando se deseñaron as actuais concesións de transporte, moitas delas na metade do século XX, cando non existían moitos dos hospitais, dos parques empresariais e dos centros de ensino que hoxe motivan gran parte das necesidades de desprazamento. “E por iso debemos ordenar e reformular unhas concesións de transporte que obedezan realmente á Galicia urbana que temos, sen descoidar a esencia do pobo galego, que segue sendo a Galicia rural, das vilas e dos lugares”, abundou, recordando que para iso “contamos co aval de experiencia que iniciamos hai máis dun ano das novas modalidades de prestacións de servizos: o autobús compartido e baixo demanda”.
Durante a inauguración da feira Expobus Iberia Silleda 2018, Feijóo destacou a enorme importancia económica deste sector, cuxa facturación anual supera en Galicia os 400 millóns de euros, ocupa a máis de 170 empresas e dá traballo a máis de 4000 persoas.
O titular do Executivo autonómico concluíu destacando a importancia da celebración desta feira que con 46 expositores e coa participación de 100 firmas procedentes de 13 países, se converte nun escaparate único sobre o presente e o futuro do transporte de viaxeiros desde unha ampla perspectiva.
LXX Aniversario do Grupo CastrosuaNa visita á feira, O presidente da Xunta, participou tamén no acto de celebración do LXX aniversario do Grupo Castrosua, onde resaltou a longa traxectoria do Grupo Castrosua e a súa aposta por seguir avanzando pola senda da innovación e a renovación constante.
Durante a celebración, Feijóo aseverou que estes setenta anos conforman a historia do éxito dunha mestura equilibrada de tradición e modernidade, destacando a figura de José Castro Suárez que consagrou a súa vida profesional á optimización do transporte de pasaxeiros mediante solucións singulares e pioneiras como a aposta pola plataforma baixa que fixo os autobuses urbanos máis accesibles ou a recente presentación dun novo autobús híbrido.
- Te recomendamos -