Destaca o labor desta asociación e os seus 30 anos de cooperación, axuda mutua e desinteresada e vontade de servir: “Grazas por estes 30 anos contribuíndo a cohesionar e robustecer a sociedade pontevedresa”, di
O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apostou hoxe polo binomio administracións e entidades sociais como clave no compromiso coa solidariedade.
Durante a celebración da gala con motivo do XXX aniversario do Rotary Club de Pontevedra, onde recibiu a medalla Paul Harris Fellow por parte dos clubs Rotary galegos, Feijóo destacou o labor desta asociación e os seus 30 anos de cooperación, axuda mutua e desinteresada e vontade de servir. “Grazas por estes 30 anos contribuíndo a cohesionar e robustecer a sociedade pontevedresa”, aseverou.
Ao longo do acto o presidente da Xunta referiuse ás actuacións que leva a cabo cada un dos 34.000 clubs rotarios repartidos por todo o mundo, unhas actuacións que contribúen a lograr un mundo en paz, máis desenvolvido e cunha mellor educación e sanidade para os que máis o precisan.
Así mesmo, garantiu o compromiso do Goberno galego co estado do benestar; “un compromiso que demostramos garantindo a súa estabilidade económica en anos de turbulencias e, realizando un importante esforzo para mellorar e modernizar os servizos públicos.
Feijóo concluíu agradecendo a medalla Paul Harris, a que cualificou como unha honra, non só pola distinción, senón polos valores que representa.
- Te recomendamos -