Inicio Galicia Feijóo anima a seguir impulsando a cooperación leal entre Galicia e Portugal...

Feijóo anima a seguir impulsando a cooperación leal entre Galicia e Portugal como a mellor fórmula para aproveitar as oportunidades do futuro

0

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe a seguir impulsando a cooperación leal como a mellor fórmula para que dúas sociedades veciñas poidan aproveitar as oportunidades do futuro; “para que Galicia e Portugal sigan compartindo pasado, presente e, sobre todo, futuro”, dixo.

Durante a recepción do Centro Galego de Lisboa, onde mantivo unha reunión coa súa directiva, Feijóo aseverou que os países camiñan, inexorablemente, cara á cooperación, cara ao traballo conxunto e cara á unión, recordando que ambos territorios xa cooperan en moitos ámbitos, como o turismo, as políticas sociais, o medio ambiente, as emerxencias, o transporte, a lusofonía e a acción exterior, entre outras cousas.

Nesta liña, e a modo de exemplo, subliñou a aposta por consolidar un espazo lingüístico común ante a similitude das nosas linguas; a cooperación transfronteiriza na xestión das emerxencias, no impulso á innovación e no deseño dunha resposta conxunta ao reto demográfico; ou os traballos conxuntos para a mellora do Camiño Portugués a Santiago.“E moi especialmente, avanzamos na consolidación da Eurorrexión, un espazo de traballo conxunto que ten potencial para ser un dos centros de decisión nunha Europa que debe ser cada vez máis descentralizada”, dixo, ao que engadiu a necesidade de seguir defendendo unha mellora das infraestruturas, tanto das marítimas –corredor multimodal e loxístico Irún-Aveiro- como das ferroviarias.

Sobre este segundo punto, aseverou que, ao igual que se acadou que a Comisión Europea inclúa a Galicia no Corredor Atlántico, a Comunidade seguirá defendendo que a liña de altas prestacións que une A Coruña e Vigo chegue ata Porto, para ser un auténtico Eixo Atlántico.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego incidiu en que Galicia e Portugal avanzaron moito nos últimos anos, cun crecemento económico por riba da media da Unión Europea, apoiadas tanto no investimento como nas exportacións. Así, entre xaneiro e abril deste ano, as exportacións galegas a Portugal creceron un 22%, o máximo histórico neste período.

Feijóo concluíu incidindo nos beneficios desa mobilidade cara o sur e cara o norte da Raia. Unha mobilidade que trouxo non só riqueza económica, senón tamén cultural, reflectida no Camiño de Santiago, salpicado con excelentes mostras do patrimonio galego e portugués. 


- Te recomendamos -