Salienta que esta rehabilitación forma parte dos traballos tendentes a restaurar a fachada do Obradoiro e a maior parte deste templo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que no Xacobeo 2021 Galicia enteira volverá converterse nun Pórtico da Gloria onde os galegos serán de novo os mellores anfitrións.
Durante a inauguración da restauración do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, onde acompañou a S.
M. a Raíña Dona Sofía, Feijóo salientou que esta rehabilitación forma parte dos traballos tendentes a restaurar a fachada do Obradoiro e a maior parte deste templo. E, referiuse tamén á recente presentación do proxecto do Edificio Fontán na Cidade da Cultura que, entre outros servizos, albergará o Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais e un Observatorio Permanente do Camiño de Santiago. Todo isto dentro dos preparativos do Xacobeo 2021.
Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno galego aseverou que Galicia é gardiá dunha obra que transcende o tempo e as fronteiras; que desborda humanidade e que foxe do hieratismo da época.“O Mestre Mateo leva á pedra a súa idea da gloria e, de paso, reflicte as formas de pensar e os ideais dos nosos antepasados. Xa naqueles albores da nosa civilización, Galicia tiña capacidade para proxectarse no mundo porque nin o pórtico nin a catedral son concibibles como obras meramente locais. Esa simbiose entre o galego e o universal estivo presente aquí”, abundou.
Feijóo asegurou que tanto o pórtico como o conxunto catedralicio son consecuencia dun empeño colectivo. “O destino da obra non é illar, senón abrir; non é rexeitar senón acoller; non é repudiar o estranxeiro que se interna no Camiño, senón integralo na comunidade multinacional dos peregrinos”, dixo.
O responsable do Executivo autonómico concluíu subliñando que non se está ante unha obra de arte, senón ante tres obras de arte: unha é o pórtico en si. A outra, a pericia do equipo interdisciplinar de restauradores que traballaron desde 2009 para ofrecer un traballo que xa é un fito internacional da recuperación artística. “E, en terceiro lugar, unha obra de arte foi, así mesmo, o entendemento entre institucións privadas e públicas”, asegurou, referíndose ao Arcebispado de Compostela, á Fundación Catedral, á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ao Instituto de Patrimonio Cultural de España e ao protagonismo xeneroso, entregado e extraordinario da Fundación Barrié.
- Te recomendamos -