Inicio Galicia Feijóo afirma que a intermodal de Vigo será o principal nodo de...

Feijóo afirma que a intermodal de Vigo será o principal nodo de transporte público do sur de Galicia no que a Xunta investirá a maior das partidas consignadas ás estacións: preto de 16 millóns

0

Destaca o obxectivo de licitar o vindeiro mes de decembro as obras para inicialas antes do verán, e asegura que a execución se acompasará ao máximo posible coas do Centro Vialia, coas que estarán en perfecta sintonía estética


Vigo, 16 de novembro de 2018.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a estación intermodal de Vigo será o principal nodo de transporte público do sur de Galicia, no que a Xunta investirá a maior das partidas consignadas ás estacións intermodais da Comunidade, que está construíndo simultaneamente: preto de 16 millóns de euros, nunhas obras cuxo obxectivo é licitar o vindeiro mes de decembro para iniciar antes de verán, e cuxa execución se acompasará ao máximo posible coas do Centro Vialia, coas que estarán en perfecta sintonía estética.

Durante o acto de presentación de Vialia Estación de Vigo, Feijóo aseverou, ademais, que este gran nodo debe completar a súa funcionalidade coa Variante de Cerdedo e complementarse coa saída sur que achegue aos galegos a Portugal e apuntale definitivamente a competitividade da Eurorrexión.

Así mesmo, aseverou que esta grande estación intermodal chega para culminar ese gran salto adiante na mobilidade do occidente galego e desta cidade que supuxo a entrada en servizo no ano 2015 do Eixo atlántico de alta velocidade que empregan máis de 3,5 millóns de viaxeiros cada ano. “Unha forma de desprazarnos que será máis diferente cando no ano 2020 partan desta estación trens que chegarán a Madrid en 3 horas e 20 minutos. E cando ese mesmo ano, e desde este mesmo espazo, sexa posible realizar de forma áxil e directa o intercambio entre o autobús e o ferrocarril, estendendo dese modo moito máis alá de Vigo as vantaxes da chegada do AVE”, engadiu.

Ao longo da súa intervención, Feijóo fixo fincapé en que a achega da Administración autonómica a esta empresa colectiva non se limita á construción dunha nova terminal de autobuses xunto á de ferrocarril, cuxas obras se licitarán o vindeiro mes de decembro, senón que acada, tamén, o cofinanciamento e a execución dos accesos que dotarán este complexo de plena funcionalidade e que, sobre todo, suporán unha enorme mellora na ordenación urbana da contorna.

Como proba da aposta firme do Goberno galego neste proxecto, o responsable do Executivo autonómico recordou que, cando a anulación do Plan xeral de ordenación municipal situouno nun canellón sen saída, a Xunta non o dubidou e artellou a ferramenta legal necesaria para impedir que a cidade quedase bloqueada ou abocada a renunciar ás actuacións máis singulares por falta de licenza urbanística. Así, igual que fixo coas ampliacións de Citroën e de Ifevi, a Administración autonómica tramitou o gran proxecto da intermodal a través desa lei e o Consello da Xunta deulle a súa aprobación definitiva o pasado 4 de outubro, facendo posible a adxudicación definitiva do Centro Vialia e a execución da nova estación de autobuses. Feijóo concluíu agradecendo a disposición dos distintos responsables do Ministerio de Fomento, da presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, desde as súas distintas responsabilidades neste ente; e ao Concello.


- Te recomendamos -