Inicio Galicia Fabiola García traslada ao embaixador de España na Arxentina a acción social...

Fabiola García traslada ao embaixador de España na Arxentina a acción social da Xunta neste país

0

Visita tamén o Centro Galego de Avellaneda, a entidade dos galegos no exterior máis antiga da nosa “quinta provincia”, onde se garda un cadro conmemorativo das “heroínas de Sálvora”


A conselleira de Política Social, Fabiola García, reuniuse hoxe co embaixador de España na Arxentina, Francisco Javier Sandomingo, a quen trasladou a acción social da Xunta neste país suramericano. Ademais, a conselleira e o embaixador abordaron a situación actual da colectividade galega máis numerosa do mundo.

Durante a súa visita institucional á Arxentina, Fabiola García percorreu tamén o Centro Galego de Avellaneda, a máis antiga destas institucións na nosa “quinta provincia” e o terceiro centro galego de toda América. Alí tivo a ocasión de reunirse coa súa xunta directiva e de analizar os retos desta entidade dedicada á conservación e difusión da cultura galega.

Neste centro, a conselleira de Política Social puido contemplar o cadro que representa ás “heroínas de Sálvora”, as mulleres que lideraron en 1921 o auxilio ás vítimas do naufraxio do buque Santa Isabel, unha das maiores traxedias marítimas da nosa historia. Despois do suceso, foi a rápida reacción da veciñanza de Sálvora e do concello de Ribeira a que permitiu rescatar aos superviventes.


- Te recomendamos -