A maior marxe económica permitirá reforzar o apoio ás entidades, mellorar a orde de promoción da autonomía persoal e a Rede Galega de Atención Temperá e incrementar a oferta de prazas públicas de atención á diversidade funcional
A conselleira de Política Social, Fabiola García, entrevistouse esta mañá co presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), Iker Sertucha. Durante a xuntanza, destacou que o orzamento destinado á atención á discapacidade se incrementará en 2019 arredor dun 3%, ata chegar á cifra récord de 106 millóns de euros, un 63% máis do que se destinaba a este obxectivo hai nove anos.
A maior marxe económica para o vindeiro ano permitirá, entre outras medidas, consolidar os convenios de colaboración coas entidades do ámbito de discapacidade, incrementar nun 2% a orde de axudas para a promoción da autonomía persoal, crear novas unidades de atención temperá nos concellos e reforzar a oferta de prazas públicas de atención á discapacidade.
A conselleira garantiu a continuidade do apoio do Goberno galego ás entidades que actúan día a día ao carón das persoas con capacidades diferentes. Este encontro, o primeiro que mantén como conselleira Fabiola García co responsable de FAXPG, enmárcase na rolda de xuntanzas que a titular autonómica está a levar a cabo co tecido asociativo.
Ao respecto, insistiu en que a Xunta “seguirá traballando para blindar o financiamento ás entidades que desenvolven un importante labor no cumprimento dun obxectivo común, como é procurar a mellora da calidade de vida e a plena inclusión das persoas con discapacidade”. A conselleira destacou que o movemento asociativo “constitúe unha peza fundamental de cara a asesorar, representar, axudar e fomentar a integración social”, de aí que este ano se aumentara de novo nunha media dun 5% a contía dos convenios de colaboración coas diferentes federacións de entidades.
- Te recomendamos -