Inicio Galicia Fabiola García destaca que o obxectivo de lexislatura de chegar aos 60.000...

Fabiola García destaca que o obxectivo de lexislatura de chegar aos 60.000 dependentes atendidos está xa cumprido ao 99%

0

O mes de outubro pechou cunha cifra de 59.403 persoas que reciben algún servizo de atención á dependencia


A Conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou o novo dato que se acaba de coñecer sobre o número de persoas dependentes atendidas pola Xunta de Galicia. A nosa comunidade pechou o mes de outubro con 59.403 persoas que reciben algún servizo de atención á dependencia, “isto significa que o obxectivo que nos marcáramos para esta lexislatura, 60.000 dependentes atendidos, xa está cumprido ao 99%”, remarcou a conselleira durante a súa intervención na clausura do I Foro de activIDADE organizado polo Goberno galego, coa colaboración de Unión de Consumidores de Galicia e Mercadona.

Esta iniciativa tiña por finalidade reunir a diferentes profesionais e representantes de institucións e entidades para abordar diversas cuestións que melloren a calidade de vida dos nosos maiores. Desta maneira, durante a actividade que tivo lugar na Cidade da Cultura realizouse unha mesa redonda que xirou en torno as experiencias e boas prácticas na nutrición para unha vida san. Ademais, tamén se impartiron pequenos relatorios que discerniron sobre a alimentación saudable, o envellecemento activo e as novas tecnoloxías.

Neste sentido, Fabiola García destacou que esta xornada “foi unha grande oportunidade para afondar e coñecer as necesidades das galegas e galegos de máis idade, para responder a elas”. Ao respecto, salientou o traballo realizado pola Administración autonómica con medidas que fomentan a alimentación saudable na residencias e centros de día da Xunta, que facilitan e simplifican o acceso aos servizos electrónicos destinados aos cidadáns e con programas que favorecen o envellecemento activo, como os plans de benestar en balnearios e talasos, o programa ‘Lecer Activo’ ou ‘Xuntos polo nadal’.

Por último, recordou o compromiso do Goberno galego de facer Galicia non só o mellor lugar para ser maior, senón tamén para facerse maior. Un obxectivo que se plasma co incremento de prazas en residencias e centros de día, coa posta en marcha de máis recursos innovadores e servizos profesionais para atención á dependencia e co desenvolvemento de máis alternativas e axudas para que cada quen se faga maior onde libremente decida.


- Te recomendamos -