Concedéronse os galardóns ás mellores creacións en cada unha das trece especialidades do programa, que son: artes plásticas, banda deseñada, cociña, deseño de xoias, fotografía, grafitti, moda, música, poesía, relato breve, skate teatro e videocreación
A conselleira de Política Social, Fabiola García, puxo en valor o talento e a creatividade da mocidade galega na gala de entrega de premios de Xuventude Crea, que se celebrou esta tarde na Cidade da Cultura de Galicia.
Fabiola García felicitou a todos os participantes polos seus proxectos e instounos a continuar as súas talentosas carreiras artísticas, pois “sodes a demostración de que a creatividade galega ten un gran presente e un brillante futuro”, apuntou. Neste sentido, destacou que o éxito desta iniciativa “é o noso xeito de recordarlle ao mundo que Galicia ten unha canteira de artistas privilexiada”.
Ademais, a conselleira de Política Social ratificou o compromiso do Goberno galego coa mocidade. Un feito que se plasma na posta en marcha de programas como este, pois salientou que apoiar a creatividade “é unha das cousas máis fermosas que pode facer calquera goberno comprometido co futuro do seu país”.Á edición deste ano presentáronse 257 proxectos individuais ou colectivos autoría de 357 participantes entre os 16 e os 30 anos de idade. Finalmente resultaron premiados 53 traballos, correspondentes a 93 mozos e mozas. Os galardoados nestas especialidades recibiron aos seguintes premios: 3.000 euros para os primeiros gañadores; 1.500 euros para os segundos; e 1.000 euros para os terceiros. Tamén se outorgaron mencións de honra, sen dotación económica.
Xuventude Crea está composto por trece disciplinas: artes plásticas, banda deseñada, cociña, deseño de xoias, fotografía, grafitti, moda, música, poesía, relato breve, skate, teatro e videocreación. Ao respecto, cómpre destacar que este ano, como novidade, incluíuse ao programa a modalidade de skate, recentemente declarado deporte olímpico.
- Te recomendamos -