O acordo garante a atención social e asistencial aos galegos no exterior que residen en Uruguai
A conselleira de Política Social, Fabiola García, asegurou, tras a firma dun convenio de colaboración co Hogar Español de Ancianos de Montevideo, que a Xunta estará sempre ao carón dos galegos que viven no exterior para garantir o seu benestar. O obxectivo deste acordo, que ten un orzamento de 20.000 euros, é sufragar a atención social e asistencial que esta entidade presta aos galegos no exterior residentes na República Oriental do Uruguai.
Fabiola García enmarcou este convenio no compromiso irrenunciable que o Executivo autonómico ten coa Galicia exterior. Neste caso trátase de proporcionar aos galegos de Montevideo atención residencial e servizos de prevención sanitaria, incluídos os medicamentos e material de xeriatría que poidan precisar. Os destinatarios deste acordo son tanto os emigrantes galegos como os seus descendentes ata o segundo grao, sendo colectivo prioritario de atención as persoas maiores.
Ademais, recoñeceu o traballo diario que desenvolve desde hai 60 anos o Fogar Español, que ofrece servizos sociais, hospitalarios e residenciais aos seus arredor de 160 usuarios. No centro tamén se desenvolven actividades de terapia, habilidade e psicomotricidade ou deportivas, entre outras. Así mesmo, a conselleira indicou que este convenio é unha mostra máis do interese da Xunta en apoiar e reforzar os vínculos cos galegos que residen en Uruguai e afirmou que Galicia e este país comparten pasado, presente e tamén futuro a través dos galegos da diáspora.
- Te recomendamos -